Formoso anima a Unións Agrarias a seguir “traballando por un rural vivo”
O presidente da Deputación da Coruña participou esta mañá na inauguración do 12º Congreso Nacional da organización agraria, que celebra o seu 40 aniversario

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na inauguración do 12º Congreso de Unións Agrarias-UPA, que se celebra 40 anos despois da fundación e do rexistro como organización agraria da entidade. Durante o acto, Formoso destacou o papel fundamental que desenvolveu a organización ao longo destas catro décadas de vida na defensa "dun rural vivo, diverso e con futuro".
O presidente subliñou a capacidade de Unións Agrarias para facer fronte "a unha enorme cantidade de retos" ao longo destas catro décadas, "naceu entrando na Unión Europea, con todo o que supuxo para o sector gandeiro" e continuou nestes anos superando retos, como "a adaptación ao euro ou outros máis recentes como a guerra en Ucraína e a subida dos prezos dos alimentos, o prezo da enerxía ou o impacto da folga de transportes".
Formoso destacou tamén que o sindicato leva 40 anos dando voz a un sector que "necesita seriedade, solvencia e non sucumbir a modas" e puxo en valor "a tecnoloxía con principios, o equilibrio entre o urbano e o rural, e a esixencia de contar con explotacións gandeiras rendibles; tres obxectivos que compartimos todas as institucións de progreso".
O presidente quixo recoñecer de maneira especial a figura de Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, a quen cualificou como "unha referencia para entender o rural galego nas últimas décadas" e ao que agradeceu a súa traxectoria ao fronte da entidade "se o rural galego tivese un nome propio, sería Roberto García, por iso temos que estar absolutamente agradecidos pola súa labor durante todos estes anos".
O presidente rematou a súa intervención animando á organización a continuar na mesma liña "traballando por un rural vivo. Contades coa Deputación da Coruña para seguir mellorando o futuro do rural galego".