A Deputación da Coruña e Acotrades financian cursos gratuítos para formar condutores profesionais ante a falta de transportistas
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta de Acotrades, Lucía Loureiro, visitaron hoxe en Carballo unha autoescola onde se forman os alumnos acollidos ao programa
A Deputación destina 50.000 euros para financiar un proxecto que pretende paliar a escaseza de condutores cualificados

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionales y Especiales (ACOTRADES), Lucía Loureiro, visitaron hoxe en Carballo a autoescola Carcopa, onde se forman os alumnos acollidos ao programa de formación de condutores profesionais de transportes por estrada que impulsa a institución provincial en colaboración coa organización empresarial que agrupa a 200 empresas e autónomos do sector.
O convenio supón un investimento de 62.500 euros dos que o 80% (50.000 €) son achegados pola Deputación e o 20% por Acotrades, e que permitirá a formación e posterior emprego de ata 24 novos profesionais para o sector de transporte de mercadorías ante a urxente necesidade dun relevo xeracional no sector. Neste sentido, cómpre destacar que a idade media dos traballadores actuais rolda os 47 anos.
A formación, gratuíta para as persoas que se acolleron a este programa, está xa nas últimas fases e cubre 130 horas de clases teóricas para a preparación do exame de obtención do CAP e 10 horas prácticas para formar cos coñecementos necesarios para a obtención do permiso de circulación C. Inclúense tamén as taxas de exame da DGT e o psicotécnico.
A maiores, o alumando recibe 25 practicas de condución de 45 minutos para a preparación do exame de circulación do permiso C+E, pois este supón unha maior dificultade que o C ao tratarse dun vehículo de grandes dimensións e cunha parte articulada como é o semirremolque.
"Con este programa, a Deputación da Coruña alíase con Acotrades para favorecer a creación de novos empregos nunha profesión que conta cunha elevada demanda e axuda ás empresas a formar os profesionais que necesitan, xa que os condutores coas cualificacións que obteñen nestes cursos son un perfil escaso, difícil de atopar no mercado laboral actual", explicou o presidente Valentín González Formoso, que destacou a importancia de promover desde as administracións públicas iniciativas que contribúan a crear emprego e á formación de profesionais en nichos con alta demanda laboral, como é o caso dos transportistas.