A Deputación financiará a transformación do antigo hospital de peregrinos de Pontedeume nun albergue
O ente provincial investirá máis de 480.000 euros de fondos europeos en levar a cabo este proxecto
Esta rehabilitación, que se enmarca dentro do Plan de Sustentabilidade Turística do Destino (PSTD) Fragas do Eume, responde á necesidade de ampliar as prazas de aloxamento a persoas que percorren o Camiño Inglés

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, asinaron un convenio de cooperación para que o ente provincial financie a rehabilitación dun antigo hospital de peregrinos que será destinado a aloxamento para este colectivo.
O proxecto consiste na recuperación do edificio, construído no século XVIII polo arcebispo Raxoi, que se transformará nun albergue moderno mantendo o valor patrimonial do inmoble. A Deputación asumirá a execución completa das obras, así como a contratación e supervisión das mesmas, cun orzamento total de 480.360,44 euros, financiados integramente pola Unión Europea.
A rehabilitación do edificio non só suporá un reforzo á infraestrutura turística da zona, senón tamén un exemplo de posta en valor do patrimonio histórico cun uso adaptado ás necesidades actuais. Ademais, responde á necesidade de ampliar a oferta de aloxamento para as persoas que percorren o Camiño Inglés, unha das rutas xacobeas con maior crecemento e impacto socioeconómico nos concellos polos que discorre.
"A comarca do Eume está repleta de xoias patrimoniais cun enorme potencial para o uso turístico", sinalou o vicepresidente. "Este tipo de iniciativas permítennos non so mellorar os servizos turísticos do territorio, senón tamén xerar oportunidades e benestar para a poboación local".
Esta actuación, que se enmarca dentro do Plan de Sustentabilidade Turística do Destino (PSTD) Fragas do Eume, está financiada con fondos europeos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.