Estás en:Novas

O presidente da Deputación da Coruña analiza co sector hostaleiro galego o papel do turismo no desenvolvemento territorial

Un informe de Competur revela a contribución do sector turístico e hostaleiro a fixar poboación no ámbito rural

Os representantes do sector hostaleiro trasladaron tamén as distintas problemáticas que sofre o sector, entre elas o incremento de custes e regulacións que afectan a súa actividade

O presidente da Deputación da Coruña analiza co sector hostaleiro galego o papel do turismo no desenvolvemento territorial

O presidente da Deputación da Coruña mantivo hoxe un encontro de traballo con representantes da Confederación Galega de Hostalería, no que participaron o presidente da entidade, Héctor Cañete, o secretario, Javier Braña e e o vogal Alberto Méndez.

Os representantes da entidade presentaron o informe "Contribución del turismo al desarrollo territorial de España", un documento elaborado pola alianza COMPETUR que avalía o impacto económico, demográfico e social do turismo e hostalaría en todo o territorio estatal.

O informe revela que o turismo é un motor de desenvolvemento fundamental para Galicia e para a provincia da Coruña, tanto en termos de xeración de emprego como de cohesión territorial e prestación de servizos básicos. No ámbito do emprego, o sector turístico e hostaleiro supón un 23,4 % dos empregos totais da provincia, segundo o estudo.

O informe recolle que en 2023 no conxunto de España rexistráronse máis de 167 millóns de viaxes de residentes españois dentro do territorio nacional e 85 millóns de turistas internacionais, un récord da serie histórica, sumando 250 millóns de persoas que realizaron actividades turísticas durante o ano.

Na provincia da Coruña destacan as áreas de Santiago e A Coruña e o seu entorno con valores destacados en atracción de visitantes e no emprego turístico consolidándose como destinos urbanos emerxentes cun forte compoñente cultural e comercial.

Os representantes do sector hostaleiro trasladaron tamén as distintas problemáticas que sofre o sector, entre elas o incremento de custes en cuestións como gastos de persoal, taxas ou enerxía; e mostraron a súa preocupación sobre o impacto económico que pode ter nos seus negocios o anteproxecto de Lei sobre o alcohol, con consecuencias como a prohibición de que as marcas financien o mobiliario exterior das terrazas, como viñan facendo.

O turismo, clave para fixar poboación no rural

Outro dos aspectos máis relevantes do informe abordado na reunión foi o impacto que a hostalaría e turismo teñen na fixación de poboación en contornas rurais. En concreto por cada milleiro de turistas que recibe un municipio rural contribúe á creación de 1,3 empregos, mesmo nos concellos máis pequenos.

Ademais, os municipios turísticos presentan menores taxas de paro: no rural, cada milleiro de turistas reduce o desemprego tres veces máis que en ámbitos urbanos, segundo os datos do estudio.

O estudo sinala que en España hai máis de 1.300 municipios sen bares ou restaurantes. Segundo o estudo, os municipios que contan cun só bar reciben, de media, tres veces máis turistas nacionais e catro veces máis internacionais que os que carecen de establecementos hostaleiros.

Na Galicia rural, isto tradúcese nunha oportunidade estratéxica: un só negocio de hostalaría (bar ou restaurante) pode atraer entre 20 e 27 turistas cada semana, o que dinamiza a economía local e favorece a creación de emprego.