A Deputación colabora co ‘Asalto ao Castelo’ na súa 28ª edición, unha “explosión de cultura, historia e diversión”
O vicepresidente, Xosé Regueira, asistiu esta mañá á presentación do festival, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, que se celebrará os días 4 e 5 de xullo e combinará múltiples actividades para todos os públicos
"Este festival é unha oportunidade para mergullarnos na nosa herdanza, para gozar xuntos e para poñer no mapa este recuncho máxico", sinalou Regueira. "O Asalto non é só unha recreación histórica, é unha experiencia que nos conecta co pasado, coas nosas raíces, e que nos fai sentir orgullosos do que somos"

A fortaleza bergantiñá celebrou esta mañá a presentación da 28ª edición do festival 'Asalto ao Castelo' que terá lugar no municipio os días 4 e 5 de xullo. O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu á presentación, acompañado da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; as concelleiras Beatriz Pazos e Rosa Blanco; o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial; representantes das asociacións AXVALSO e Cherinkas; de Terra de Soneira CD – Legua Irmandiña, Damián Álvarez; da hostalaría de Vimianzo e de Estrella Galicia.
"Este festival é unha oportunidade para mergullarnos na nosa herdanza, para gozar xuntos e para poñer no mapa este recuncho máxico" sinalou Regueira, que tamén expresou que o Asalto "non é só unha recreación histórica; é unha experiencia que nos conecta co pasado, coas nosas raíces, e que nos fai sentir orgullosos do que somos; unha celebración colectiva". Neste sentido, fixo un chamamento á "responsabilidade" xa que, tal e como apuntou, "debemos seguir facendo que sexa un exemplo de festa sostible e respectuosa".
Gastronomía, música, obradoiros infantís, artesanía, microrrelatos, deporte... O Asalto ao Castelo, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, inclúe múltiples actividades paralelas para todos os públicos, que comezan o 23 de xuño e se prolongan ata o 6 de xullo.
O vicepresidente puxo en valor o apoio da Deputación, "unha aposta polo seu crecemento e evolución, polo turismo cultural, polo talento local e pola nosa capacidade de facer cousas grandes cando traballamos en equipo", así como o traballo da organización "a mocidade deste concello que saca adiante este evento cada ano". Para rematar, convidou a toda a veciñanza "da comarca, da provincia e do país" a participar neste festival, "que vai ser unha auténtica explosión de cultura, historia e diversión".