O vicepresidente sinala na inauguración do congreso ‘Conecta e Lidera’ a importancia da “promoción internacional da provincia”
Balneario de Mondariz acolle hoxe e mañá o 'Conecta & Lidera', II Congreso sobre networking e cooperación turística internacional, organizado pola Asociación Internacional para a Cooperación e Desenvolvemento Turísticos (ASICOTUR)
O deputado provincial, Antonio Leira, protagonizou un relatorio sobre o Camiño Inglés, onde falou sobre o seu papel como eixo vertebrador de identidade cultural, dinamización turística e cohesión social

O vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado provincial, Antonio Leira, asistiron hoxe á inauguración do II Congreso sobre networking e cooperación turística internacional 'Conecta e Lidera', que ten lugar hoxe e mañá no Balneario de Mondariz, baixo a organización da Asociación Internacional para a Cooperación e Desenvolvemento Turísticos (ASICOTUR). Un evento que conta co apoio da Deputación e conta coa participación presencial de representantes de máis de dez países e conexións virtuais desde vinte e cinco nacións. Ademais, conta co apoio oficial de ONU Turismo.
Regueira sinalou durante a súa intervención inaugural a "importancia" de apostar pola "promoción internacional da provincia", en liña coa estratexia turística da Deputación, que pon o foco "nese perfil de turista que valora a nosa autenticidade, calidade e todo o que a nosa xente é capaz de ofrecer". Neste sentido, sinalou que este evento serve, ademais, para "a necesaria transferencia de coñecemento entre países", para afrontar en conxunto retos globais como a "internacionalización ou a aplicación da intelixencia artificial". O vicepresidente rematou agardando "que este congreso nos guíe no camiño de acadar un turismo sustentable, de futuro, e que xere oportunidades para a poboación residente".
Baixo o lema "Empoderando mentes novas e conectando ecosistemas de emprendemento para un turismo máis verde", o evento constitúe unha plataforma de inspiración e cooperación entre mozos e mozas líderes, profesionais, institucións educativas e organizacións do ámbito do turismo, o emprendemento e a sustentabilidade. Durante dúas xornadas reuniranse no Balneario de Mondariz expertos e emprendedores de Europa, África e América para compartir experiencias e debater arredor de grandes eixos temáticos: Emprendemento feminino e xuvenil; Intelixencia artificial e ética no turismo; Redes de cooperación internacional e Novas tendencias como a gamificación, o turismo deportivo e cultural.
Pola súa banda, o deputado provincial, Antonio Leira, presentou ante o público asistente o Camiño Inglés: o seu impacto económico, así como os diferentes proxectos da Asociación de concellos do Camiño Inglés (Primavera no Camiño; Media Maratón; Camiño inglés na escola, nas universidades e no estranxeiro...). Leira apuntou que o potencial deste Camiño está "no propio territorio", poñendo en valor, neste sentido "a unión de todos os concellos posibilitou que esta fonte de oportunidades que rese levase a cabo. "Somos un camiño novo e moi particular, chamando a atención de visitantes que se interesan polos nosos produtos e as nosas paisaxes". O deputado afirmou que "o camiño é cultura e patrimonio, pero tamén turismo, economía e fonte de oportunidades e de fixar poboación no rural".