Estás en:Novas

Formoso demanda “ambición” no proxecto para “que Ferrol teña un tren do século XXI”

O presidente da Deputación fixo fincapé en "apostar por un proxecto ambicioso, non poñer parches nin remendos" para que Ferrol "teña as mesmas prestacións ferroviarias que as demais cidades da provincia"

Formoso demanda “ambición” no proxecto para “que Ferrol teña un tren do século XXI”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lanzou unha firme chamada á acción para mellorar a conexión ferroviaria de Ferrol, esixindo "ambición para facer que Ferrol teña un tren do século XXI". Así o manifestou en declaracións aos medios de comunicación, nas que expresou a súa preocupación polo atraso histórico que sofre a cidade neste ámbito. "Ferrol está maltratada a nivel ferroviario dende hai un século. É inadmisible que a vía non se tocase apenas nos últimos cen anos", afirmou con rotundidade.

Formoso lembrou que esta situación de abandono non é un problema de agora, senón que "vén dos distintos gobernos" e destacou a necesidade urxente de acometer unha reforma profunda da infraestrutura ferroviaria que serve á cidade, apostando por "unha infraestrutura competitiva, tanto para pasaxeiros como para mercadorías, que coloque á cidade á altura das outras". Neste sentido, rexeitou solucións parciais ou insuficientes, incidindo na importancia dunha visión a longo prazo e "ser ambiciosos para poder acurtar os tempos da viaxe, non poñer parches nin remendos. O que precisamos é un proxecto que faga competitivo ao tren en Ferrol ".

O presidente provincial puxo en dúbida a utilidade de proxectos de mellora que apenas logren unha redución simbólica nos tempos de viaxe, advertindo que "un planeamento que reduza apenas 15 minutos o tempo de conexión coa Coruña non vai marcar a suficiente diferencia nin transformar a realidade ferroviaria de Ferrol". Ao seu xuízo, o que se precisa é unha actuación integral, aínda que se teña que executar por fases, cun proxecto serio, ben financiado e con vontade política real.

Neste contexto, Formoso reclamou compromisos concretos: "hai que apostar pola liña ferroviaria de Ferrol con orzamentos enriba da mesa e sendo transparentes". Tamén fixo fincapé na importancia de que sexan os técnicos especializados os que determinen a mellor solución técnica. "En calquera caso, a electrificación da vía é o paso que nos vai facer máis competitivos e está sen facer. É o que fai que o Alvia non chegue xa a Ferrol, por exemplo".

Finalmente, insistiu en que Ferrol non pode seguir en inferioridade de condicións en comparación co resto das urbes galegas: "O que queremos é que Ferrol teña as mesmas prestacións e calidade neste eido que o resto das cidades da provincia e de Galicia", afirmou.