“A enogastronomía é o noso principal produto no escaparate mundial do turismo” sinalou Regueira no curso de verán da UIMP
A Fundación Luís Seoane acolle hoxe e mañá o curso de Verán da UIMP "O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero"
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou na mesa redonda sobre 'Enoturismo sostible, desafíos e oportunidades', acompañado do profesor e investigador do grupo de investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, Jakson R.R. Soares e da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez e moderada polo xornalista gastronómico e historiador, Jorge Guitián

A Fundación Luís Seoane acolle hoxe e mañá o curso de verán "O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero" da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, participou esta tarde na mesa redonda sobre 'Enoturismo sostible, desafíos e oportunidades', acompañado do profesor e investigador do grupo de investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, Jakson R.R. Soares e da directora de Galicia Calidade, Ana Méndez e moderada polo xornalista gastronómico e historiador, Jorge Guitián.
Regueira sinalou que a enogastronomía "é agora mesmo o noso principal destino turístico no escaparate mundial". Neste sentido, fixo referencia aos cinco plans de sustentabilidade turística en destino da Deputación (Fogóns do Anllóns; Fragas do Eume; Vía Verde Compostela – Tambre – Lengüelle; o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal e o Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra) "que teñen a enogastronomía como eixo central".
"O turismo enolóxico danos a oportunidade, ademais, de trasladar que vivimos nun país sostible á hora de relacionarnos co medio" e explicou a campaña institucional 'A paisaxe que sabe', que pon o foco "na paisaxe e na gastronomía". O vicepresidente apuntou tamén que o sector do viño "é moito máis que iso, xa que representa a lingua e a riqueza léxica que temos, tamén cultura, tradición e historia". Un sector "cun amplo compromiso co territorio". E puxo de exemplo o "éxito dos viños da provincia" nas feiras e eventos gastronómicos nos que participa a Deputación. "Queremos que a xente coma territorio, e eso tamén implica que nas mesas apareza o noso viño. Iso tamén é sustentabilidade".
Baixo a dirección da socióloga, xestora cultural e enóloga, e investigadora da UDC, Cristina Alcalá, e a secretaría de Lucía Aldao, o curso de verán da UIMP "O viño como cultura: patrimonio, turismo e xénero" reúne na Coruña durante dous días a preto dunha vintena de profesionais para reflexionar sobre o patrimonio vitícola e a contribución do enoturismo tanto as zonas rurais como a identidade cultural dos pobos, ao tempo que promove un desenvolvemento turístico sostible. A tríade patrimonio, turismo e xénero abre un espazo de reflexión sobre como o turismo patrimonial podería ser unha ferramenta para promover a igualdade de xénero.