Estás en:Novas

Formoso inaugura a exposición “De Mañón ao mundo”, un percorrido pola historia da emigración da vila

Formoso inaugura a exposición “De Mañón ao mundo”, un percorrido pola historia da emigración da vila

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, inaugurou esta tarde a exposición "De Mañón ao mundo. Historias de vidas migrantes", unha mostra que afonda na pegada da emigración deste concello e da comarca en distintos puntos do planeta, e nos vínculos que esas persoas mantiveron co seu lugar de orixe.

No acto, celebrado no Abeiro do Sor de Mañón, Formoso estivo acompañado polo alcalde, Alfredo Dovale, O presidente puxo en valor o papel esencial da emigración na configuración da identidade e do progreso de provincia da Coruña e de Galicia: "Non se pode entender Galicia sen coñecer esa realidade de miles de persoas que abandonaron as súas terras, as súas familias, as súas vivencias, a súa infancia, para marchar a territorios máis alá do mar, máis alá do Atlántico, territorios totalmente descoñecidos e sen saber contestar a esa gran pregunta de 'volverei algún día?'".

Formoso destacou que a emigración galega foi pioneira na creación de sociedades de instrución e escolas en cada recuncho de Galicia: "A primeira acción dos galegos e galegas cando chegaron a eses territorios foi a de xuntar cartos para crear escolas, porque entendían que Galicia nunca sairía do atraso no que se atopaba se non se investía en educación. Por iso hai máis de 300 escolas de indianos financiadas por emigrantes galegos en cada aldea, en cada pobo do noso país", afirmou.

Apuntou tamén que a exposición é unha homenaxe a todas esas persoas "A súa contribución axudou a sacar a Galicia da longa noite de pedra". E lembrou que, aínda hoxe, hai máis de 500.000 galegos e galegas censados fóra que seguen sentindo Galicia como a súa terra e a dos seus devanceiros.

A mostra, impulsada polo Concello de Mañón no marco do programa "Migracións e Encontros", recolle documentos, fotografías e testemuños que reconstrúen a historia persoal e colectiva de familias que emigraron a Cuba, Arxentina, Brasil, Suíza ou outros países, poñendo en valor a memoria migrante e o vínculo permanente coa terra de orixe.

A exposición poderá visitarse nas vindeiras semanas en Mañón e forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación e difusión do legado da emigración no municipio e na comarca.