Estás en:Novas

Inauguración do IV Congreso ‘A memoria diversa’, que se celebra hoxe na Normal para “mirar atrás para celebrar todo o conseguido”

A deputada de igualdade e dereitos civís, Soledad Agra, participou no acto inaugural, onde destacou o compromiso da Deputación "coa investigación, apoio e visibilización do colectivo LGTBI+"

Este congreso, organizado pola área de igualdade e dereitos civís da Deputación en colaboración coa UDC, chega á súa cuarta edición como cita de referencia para a reflexión que este ano centrará o debate nos novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBTIQA+ en Galiza

Inauguración do IV Congreso ‘A memoria diversa’, que se celebra hoxe na Normal para “mirar atrás para celebrar todo o conseguido”

O Espazo de intervención cultural Normal da UDC celebra hoxe o IV Congreso 'A memoria diversa', unha edición "na que quixemos facer memoria, mirar atrás para celebrar todo o que levamos conseguido: os cambios lexislativos, a visibilización, os dereitos, a celebración do orgullo de poder ter liberdade para ser e sentir" sinalou a deputada de igualdade, Soledad Agra, durante a inauguración do evento.

"Recordaremos ás pioneiras na reivindicación, aquelas que nos permiten estar aquí desfrutando de sabernos nunha sociedade máis xusta, onde as discriminacións e as agresións son cada vez máis illadas, e así recoñecer os logros para evitar que os estereotipos e os prexuízos se espallen e nos fagan retroceder" sinalou Agra. "Queremos que toda persoa teña o mesmo dereito a vivir sen medo, porque xa pasaron os tempos de agocharse por medo ou vergoña, grazas ao activismo de moites persoas que puxeron en risco a súa vida para que hoxe todes poidamos ser iguais ante a lei e desfrutar dos mesmos dereitos sociais, poñendo no centro o que tivo que sobrevivir nas marxes".

Ademais, a deputada salientou o compromiso da área de igualdade e dereitos civís da Deputación "coa investigación, apoio e visibilización do colectivo LGTBI+, xa que o avance e normalización dos discursos lgbtfóbicos e tránsfobos na sociedade son obxecto da nosa preocupación e cómpre incrementar a alerta ante a escalada violenta que se está dando contra xente do colectivo e a imposición de posicionamentos heteronormativos".

Relatorios, mesas redondas, proxeccións audiovisuais e unha conversa poético-musical son as actividades desta cuarta edición do congreso, no que participan "referentes da Galiza e tamén de fóra, persoas que viviron tempos moito máis difíciles" como a xornalista e cineasta Margarita Ledo; o xestor cultural Quique Costas, activista nos primeiros colectivos LGBT galegos; o filólogo e escritor Carlos Callón; a investigadora Ánxela Lema; o activista coruñés José Carlos Alonso; Remedios Vázquez, do club de lectura QUEERuña das bibliotecas municipais da Coruña; a investigadora lusa Joana Matias; o activista colombiano Sebastián Jaramillo; a sindicalista e activista trans galega Laura Bugallo; a escritora e activista senlleira catalana, Isabel Franc, e a activista lésbica Nanina Santos. O encontro finalizará coa proxección da curtrametraxe DELICUENTE, obra da poeta e creadora audiovisual Nuria Vil, e co debate e recital poético musical coa poeta Andrea Nunes e o músico e activista trans Éric Dopazo.

As mesas están presentadas e moderadas por persoas dos actuais colectivos LGBTIQA+ galegos, Alas Coruña, Les Coruña. Rede Galega de Estudos Queer, Avante LGBT e Arelas mocidade.