Estás en:Novas

A deputada de igualdade, Soledad Agra, visita o CRA Ponte da Pedra, gañador do X Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero

Durante a visita ao municipio carballés, a deputada estivo acompañada do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a concelleira de educación e terceira idade, Mar Eirís, e a directora do CRA, Teresa Rodríguez

O centro resultou gañador na categoría de educación primaria polo seu proxecto "ArROUPAme na Igualdade" neste 2025, que a deputada coñeceu de primeira man

A deputada de igualdade, Soledad Agra, visita o CRA Ponte da Pedra, gañador  do X Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero

O CRA carballés Ponte da Pedra recibiu a visita da deputada de igualdade, Soledad Agra, que estivo acompañada do alcalde, Evencio Ferrero; da concelleira de educación e terceira idade, Mar Eirís, e da directora, Teresa Rodríguez, para coñecer de primeira man o proxecto "ArROUPAme na Igualdade", gañador do X Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade na categoría de educación primaria neste 2025.

Este proxecto "é boa mostra do compromiso deste centro cunha educación que vai máis aló da formación académica, para poñer o foco en valores tan implorantes como a igualdade, o traballo en equipo ou a reflexión, entre outros", sinalou a deputada. "Nestas idades nas que se está desenvolvendo o espírito crítico, iniciativas como esta son esenciais para combater prexuízos, cuestionar os estereotipos e fomentar o respecto, entre moitos outros, e este centro é o mellor exemplo diso".

Un proxecto que foi premiado, en palabras do xurado, por "técnico estruturado, claro e coherente, cun título creativo en simbiose cos obxectivos e actividades". A proposta céntrase, segundo o comité avaliador, "en explorar e cuestionar os estereotipos de xénero na moda, en reflexionar sobre o impacto social e cultural da vestimenta como expresión de diversidade e identidade, así coma en concienciar sobre as desigualdades laborais e éticas no sector, promovendo un consumo responsable".

A directora do centro, Teresa Rodríguez, explicou o funcionamento do proxecto e a súa boa acollida por parte do alumnado, co que a deputada tivo a oportunidade de interactuar. Concretamente, Soledad Agra visitou as escolas das Artes e de Sísamo, onde ademais do proxecto, descubriu "con moito orgullo", como é un día "nestas escolas rurais, que son exemplo de comunidade, empatía, tolerancia, diversidade e colaboración, e unha gran fonte de riqueza para os alumnos e alumnas de idades diferentes que conviven, comparten, aprenden e son educadas dun xeito tan inclusivo e igualitario".