Illa Bufarda e Mala Herba Producións gañan o IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero
Na modalidade de traxectoria, o xurado recoñeceu a ollada feminista, o compromiso coa lingua e o rescate da memoria das mulleres galegas en toda a produción de Illa Bufarda
Na modalidade de iniciativa, de Mala Herba Producións o comité avaliador valorou o seu traballo a prol da igualdade de xénero e dos dereitos do colectivo LGTBI e na formación e visibilización do talento feminino no sector audiovisual

A produtora creativa galega Illa Bufarda, na modalidade de traxectoria, e a cooperativa xuvenil Mala herba Producións, na modalidade de iniciativa, son as dúas propostas gañadoras do IX Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, convocado pola Deputación da Coruña.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, no que foron vogais Alexandre Garrido López, Beatriz Maceda, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Antares Pérez García-Zabarte e Alberte Mera. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo provincial de Acción Social, Cultural e Deportes.
As dúas candidaturas, das seis que concorreron ao certame, foron premiadas por unanimidade. De Illa Bufarda, o xurado valorou "a súa produción audiovisual, que mestura o ensaio coa fotografía dende unha permanente e poliédrica ollada feminista". O comité avaliador tamén destacou "o seu compromiso coa lingua e o rescate da memoria das mulleres galegas, das traballadoras e das creadoras, cuestións que se reflicten ao longo da súa obra".
Para premiar a Mala Herba Producións, o xurado tivo especialmente en conta "que a cuestión da igualdade de xénero e LGTBI sexa a base do seu traballo de xeito transversal e central, ademais da defensa dos dereitos sociais, a súa labor de formación e visibilización do talento feminino no sector audiovisual e a utilización da cultura como ferramenta de transformación social".
O Begoña Caamaño non é o primeiro premio, dos convocados pola Deputación coruñesa, que reciben a produtora creativa e a cooperativa xuvenil, galardoadas tamén nos Luísa Villata a proxectos pola igualdade: Illa Bufarda, por "S.E.X. Moito máis que unha serie sobre sexualidade" (2018) e por "Altas luces" (2024); e Mala Herba Producións, por "A clase" (2024).