Estás en:Novas

Carballo, Ordes e Brión acollen o Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña

A fase previa iníciase este sábado en Carballo co primeiro evento, no que participan 35 equipos das categorías Premini, Infantil e Cadete

O deputado de Deportes, Antonio Leira, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, presentaron o Circuíto desta modalidade de baloncesto, que xa é olímpica

Carballo, Ordes e Brión acollen o Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña

Carballo acolle este sábado 7 de xuño os primeiros partidos do I Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña, que se disputará tamén durante o presente mes de xuño nos concellos de Ordes (14 de xuño) e Brión (28 de xuño) e na que se prevé a participación de máis de 300 nenos e nenas de entre 10 e 13 anos de toda a provincia.

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e o delegado da Federación na Coruña, José Manuel Villamarín presentaron esta mañá a cita, que aspira a "levar de novo á rúa un deporte que naceu na rúa, como é o baloncesto" e a potenciar a práctica deportiva entre os máis pequenos, segundo afirmou Leira.

O deputado de Deportes incidiu en que "fomentar o deporte de base é unha parte fundamental da nosa filosofía, porque aí é onde está o xerme de deporte" e destacou que a Deputación ten depositadas "moitas esperanzas e ilusión" nesta nova competición, "na que levamos tempo traballando en coordinación coa Federación Galega de Baloncesto".

Leira destacou que os partidos comezan este sábado en Carballo, "un concello de baloncesto e un escaparate incrible para esta primeira edición, que nos dará a oportunidade de testar este novo formato de deporte na rúa, que está espertando tanta expectación que xa a están pedindo outros concellos para o vindeiro ano".

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, declarouse "entusiasmado con esta nova modalidade de baloncesto que xa é olímpica" e que, ao precisar menos infraestrutura, é máis versátil e accesible para levar aos concellos da provincia e fomentar novas afeccións ao baloncesto.

Bernárdez apuntou que xa hai 35 equipos inscritos para o evento de Carballo, 13 en categoría Infantil, 13 en Cadete e 9 en Pre-mini e mostrouse confiado en que "vai ser todo un espectáculo, con moitas sorpresas, máis alá da dimensión deportiva".

"Agradecemos o apoio e aposta da Deputación da Coruña para pór en marcha este Circuíto, que queremos que sexa un éxito e que se desenvolva de cara ao futuro cunha actividade tan de rúa e de verán como é o baloncesto 3x3", afirmou.

A competición consta dunha fase previa con dúas sedes (Carballo e Ordes) nas que se xogará en forma de liga de grupos, cun máximo de catro equipos, establecidos por sorteo puro e a dobre volta.

Na fase final (Brión) participarán os 16 mellores equipos de cada categoría en base aos puntos sumados na fase anterior. O formato de xogo será de play-off, con cabezas de serie que se establecerán en función da clasificación na fase previa, e o resto de equipos por sorteo puro.

Os equipos máis destacados na fase previa recibirán un trofeo e medallas; na fase final serán agasallados cun trofeo, medallas e vales para a compra de material deportivo en establecementos da provincia.