Estás en:Novas

A Deputación participou na presentación da V Feira do Automóbil de Agrela

Desenvolverase nos concesionarios de Agrela do xoves 12 ao sábado 14 de xuño

A Deputación participou na presentación da V Feira do Automóbil de Agrela

O deputado provincial José Ramón Rioboo participou hoxe na presentación da V Feira do Automóbil de Agrela, celebrada nas instalacións da Asociación de Empresarios do Polígono. A Deputación da Coruña volve así a mostrar o seu respaldo a un sector clave para a economía da provincia e para os retos de mobilidade sostible que xa están en marcha.

Durante o acto, no que tamén interviron representantes da Xunta de Galicia, do Goberno central, do Concello da Coruña e das principais entidades empresariais, púxose en valor a colaboración institucional como peza fundamental para afrontar con garantías os cambios que está a experimentar a mobilidade, tanto nos centros urbanos como nas conexións interurbanas.

José Ramón Rioboo destacou o apoio da Deputación a "eventos como esta feira, que permiten achegar á cidadanía unha ampla oferta de vehículos, con especial presenza dos eléctricos, contribuíndo así á transición ecolóxica e á modernización do tecido empresarial".

A presidenta da Asociación de Empresarios de Agrela, Begoña López Martínez, lembrou que o polígono é, desde hai máis de 50 anos, un referente para o sector da automoción, e que no último ano aumentou notablemente o número de empresas e concesionarios instalados.

A quinta edición da Feira do Automóbil de Agrela celebrarase os días xoves 12, venres 13 e sábado 14 de xuño, en horario continuo de 10:00 a 20:00 horas, nos propios concesionarios participantes. Este ano contará coa maior oferta de marcas ata a data, o que a converte nunha boa oportunidade para adquirir un vehículo novo, seminovo, de quilómetro cero ou de ocasión.

Segundo explicou o portavoz dos concesionarios, Marcos Varela, a consolidación da feira permítelles ofrecer condicións excepcionais: máis unidades dispoñibles para entrega inmediata, descontos especiais unificados e un bono adicional de 500 euros en todas as vendas realizadas durante a feira, acumulable ao desconto xa aplicado por cada empresa.

Entre as marcas participantes atópanse Galcar, Grupo Breogán, Fiateira Motor, Sportauto Galicia, Integral Motion, Gonzacar, Grupo Resnova, Corgal Automóbiles, Carrera e Hijos, Hyupersa, Zina Móvil e Pardo Automoción.