Estás en:Novas

A Deputación impulsa o Festival Mar de Mares, que enche a cidade da Coruña de actividades relacionadas co mar

A deputada Rosa Ana García participou na inauguración do evento no Mercado de San Agustín

Ata o día 15, A Coruña acolle un amplo calendario de actividades culturais, artísticas, lúdicas e gastronómicas relacionadas co mar e o medio ambiente

A Deputación impulsa o Festival Mar de Mares, que enche a cidade da Coruña de actividades relacionadas co mar

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou este venres no acto de inauguración da XII edición do Festival Mar de Mares, que se celebrou no Mercado de San Agustín. O evento, que conta co apoio económico da Deputación, encherá a cidade de actividades culturais, artísticas, lúdicas e gastronómicas relacionadas co mar e o medio ambiente ata o vindeiro 15 de xuño.

Na súa intervención inaugural, Rosa Ana García destacou o valor desta cita como "moito máis que un festival cultural: é un espazo de reflexión, aprendizaxe e inspiración arredor do mar e da sustentabilidade".

Rosa Ana García puxo en valor o forte vínculo do mar coa cidade e coa identidade galega: "O mar está profundamente conectado coa nosa terra. E dicilo en Galicia, e dicilo aquí na Coruña, ten un valor especial. Porque o mar forma parte do ADN colectivo desta cidade. Durante séculos, moldeou a nosa cultura, a nosa economía e a nosa forma de entender o mundo".

A deputada destacou tamén a importancia da edición deste ano, centrada na ciencia como ferramenta clave para protexer os ecosistemas mariños. "Necesitamos coñecemento, rigor e investigación para afrontar desafíos como o cambio climático, a perda de biodiversidade mariña ou a contaminación das augas", afirmou.

Neste sentido, subliñou o compromiso da Deputación da Coruña coas políticas ambientais: "Apostamos pola transición enerxética, a mobilidade sostible, a economía circular e a educación ambiental, porque defender o medio é tamén defender o benestar das persoas".

García felicitou á organización do Festival Mar de Mares "pola súa visión e por seguir facendo deste evento un espazo accesible, aberto e participativo", e animou á cidadanía a achegarse ás múltiples actividades programadas: exposicións, monólogos, música, conferencias, obradoiros, experiencias gastronómicas e incluso travesías en veleiro que se desenvolverán ata o 15 de xuño .

O Festival Mar de Mares 2025 desenvolverase ao longo de varios días por distintos espazos da cidade, promovendo o encontro entre cultura, ciencia, arte e compromiso ambiental.

Programa do Festival:

https://festivalmardemares.org/mdm-programa/