"Sirat" chega aos cines coruñeses co apoio da Deputación
A deputada de Cultura, Natividade González, compartiu o coloquio previo a un dos pases desta tarde nas salas dos Cantóns con Óliver Laxe; o produtor do filme, Xavi Font, e o director de Agadic, Jacobo Sutil
"É un orgullo para a Deputación da Coruña formar parte desta viaxe tan singular que demostra que, cando as administracións apoiamos decididamente a creatividade e confiamos nos nosos cineastas, os resultados poden chegar aos máis prestixiosos festivais internacionais", destacou González

"Sirat", a película de Óliver Laxe gañadora do Premio do Xurado na recente edición do festival de Cannes, chega ás salas de cine da provincia co apoio da Deputación da Coruña. A deputada de Cultura, Natividade González, compartiu o coloquio previo a un dos pases desta tarde nas salas dos Cantóns con Óliver Laxe; o produtor do filme e membro da Academia Galega do Audiovisual, Xavi Font, e o director de Agadic, Jacobo Sutil.
"É un orgullo para a Deputación da Coruña formar parte desta viaxe tan singular que demostra que, cando as administracións apoiamos decididamente a creatividade e confiamos nos nosos cineastas, os resultados poden chegar aos máis prestixiosos festivais internacionais", destacou a deputada, quen lles deus os parabéns a Laxe e a Font polo filme e polo premio en Cannes. "Óliver conseguiu unha vez máis que os ollos do mundo se poñan en Galicia, na nosa capacidade narrativa e na nosa riqueza cultural".
González agradeceulles ao director e ao produtor a súa presencia hoxe na Coruña. "Que esteades hoxe aquí con nós, compartindo co público este coloquio, engádelle un valor incalculable á proxección, pois nos ofrece unha oportunidade única para mergullarnos nos procesos creativos, nas ideas e nas emocións que hai detrás de 'Sirat'".
A deputada reafirmou a obriga da Deputación de seguir apostando, "máis alá de ofrecer un simple apoio económico, por unha cultura comprometida, que non só entretén, senón que tamén provoca reflexión e diálogo, e "Sirat" é un exemplo perfecto dese tipo de cinema: un que nos interpela, que nos leva a outros mundos pero que tamén nos devolve preguntas sobre o noso".
"Estou convencida", dixo González, "de que o público que hoxe enche os Cines Cantóns atopará nesta película unha oportunidade para emocionarse, para pensar e para descubrir novas perspectivas sobre o mundo e sobre nós mesmos". "Na Deputación seguiremos traballando para que proxectos coma este teñan o apoio institucional que merecen e para que a cultura siga sendo un motor de transformación social".
Pola súa banda, Oliver Laxe agradeceu o apoio da área de cultura da Deputación da Coruña, e o compromiso co cinema, a cultura e a lingua.