Estás en:Novas

Formoso pon en valor o compromiso de Estrella Galicia coa súa terra na inauguración da nova fábrica da empresa no polígono de Morás

Esta nova planta supuxo un investimento inicial de 189 millóns de euros e creará 600 postos de traballo directos.

O presidente da Deputación deu os parabéns a todo o equipo humano da compañía e destacou que "non hai parangón no mundo empresarial galego".

Formoso pon en valor o compromiso de Estrella Galicia coa súa terra na inauguración da nova fábrica da empresa no polígono de Morás

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no acto de inauguración da nova fábrica de Estrella Galicia no polígono industrial de Morás, no concello de Arteixo. O envento contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e membros da dirección da compañía, así como traballadoras e traballadores da firma.

Formoso trasladou os parabéns da institución provincial á familia Rivera e ao equipo humano da empresa, destacando que "non hai parangón no mundo empresarial galego" para unha empresa que representa un proxecto de éxito baseado no esforzo, na innovación e no compromiso co territorio. O presidente provincial subliñou a evolución da compañía durante a súa historia, pasando de facturar 40 millóns de euros a estar agora preto dos 1.000 millóns, con máis de 2.000 empregados no seu cadro de persoal e unha presenza internacional en máis de 75 países.

Durante o acto, Formoso destacou tamén a dimensión simbólica deste proxecto, lembrando a figura de José María Rivera Corral, fundador da compañía e veciño das Pontes que emigrou moi novo a América antes de regresar a Galicia para fundar a empresa. "Estaría moi ledo de ver este día, igual que os seus pais, que fixeron un grande esforzo para darlles unha oportunidade aos seus fillos nunha época moi complexa", sinalou o presidente.

Para rematar, Formoso puxo en valor a relación que Estrella Galicia mantén coa súa terra, afirmando que "máis alá de tentacións nacionais e mundiais, as inversións de Estrella Galicia seguen a ser aquí. E iso hai que aplaudilo. Espero de corazón que sigades contando co corazón e comprometidos con este país".

A nova fábrica de Estrella Galicia supón unha das maiores inversións industriais en Galicia dos últimos tempos. Cun investimento inicial de 189 millóns de euros nesta primeira fase, o proxecto completo poderá alcanzar os 400 ou incluso os 500 millóns. A planta arranca cunha capacidade de produción de 300 millóns de litros anuais, pero está deseñada para escalar ata os 1.000 millóns, o que supón duplicar a capacidade da planta orixinal da compañía situada no polígono da Grela, na Coruña.

A nivel laboral, esta nova infraestrutura permitirá a creación de 600 postos de traballo directos (ha 160 na fase actual) e ata 10.000 indirectos ao longo da súa cadea de valor. O impacto económico e social será especialmente relevante para a comarca da Coruña, reforzando o papel da empresa como un dos principais motores industriais da provincia.

Ademais do seu impacto económico, a planta de Morás foi concibida baixo criterios de vangarda tecnolóxica e responsabilidade ambiental. Trátase dunha fábrica de última xeración, cun modelo de produción sostible, baseada na eficiencia enerxética, nas cero emisións contaminantes e na automatización intelixente dos procesos, sen perder a esencia artesanal que caracteriza á compañía desde a súa fundación en 1906.