A Deputación asina co Concello de Ferrol un acordo para investir 1 millón de euros en actuacións de recuperación do patrimonio militar da cidade
O Plan de Sostibilidade Turística Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra supón un investimento na cidade de 993.612 euros, financiados na súa totalidade con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España- Next Generation UE.
Contempla cinco actuacións, entre as que destacan o acondicionamento da praza de Ferrándiz e a recuperación do Baluarte de San Xoán
"Ferrol conta cun legado patrimonial militar excepcional, tanto no seu centro histórico como nas antigas baterías militares que se estenden pola Costa Ártabra, e cremos que é hora de poñelo no lugar que merece", afirmou o presidente da Deputación

A Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol asinaron hoxe un convenio de colaboración para financiar diversas actuacións enmarcadas dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Centro histórico de Ferrol e patrimonio militar da Costa Ártabra. O orzamento das actuacións no Concello de Ferrol suma un total de 993.612,40 euros, financiados na súa totalidade con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España- Next Generation UE.
O documento foi asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, na casa consistorial ferrolá.
Cinco actuacións proxectadas por 1 millón de euros
O acordo proxecta 5 actuacións diferentes. A máis importante, orzada en 606.000 euros, consiste na rexeneración e mellora de zonas verdes e parques públicos do centro histórico de Ferrol. Centrada no espazo verde da praza de Ferrándiz, a máis grande non urbanizada na cidade, prevese unha mellora substancial da habitabilidade e funcionalidade, ademais do acondicionamento de zonas de actividades, plantación de árbores, colocación de equipamento e acondicionamento xeral da superficie.
A segunda actuación, de 185.000 euros, será o desenvolvemento e implantación de ferramentas dixitais para coñecer o patrimonio do centro histórico ferrolán, así como das defensas militares da Costa Ártabra. Os contidos integraranse nunha aplicación accesible mediante códigos QR situados en puntos estratéxicos, permitindo aos visitantes acceder á información de maneira interactiva e intuitiva.
A terceira das actuacións, que suporá un investimento de 125.000 euros, consiste na recuperación e limpeza do Baluarte de San Xoán, que xunto co Baluarte do Rei, o de Canido e a Porta de Fontelonga é un dos restos máis importantes da muralla defensiva de Ferrol do século XVIII.
Por último, as dúas derradeiras actuacións serán o deseño dunha páxina web cun mapa virtual de recursos turísticos relacionados ao patrimonio militar (47.000 euros), e a elaboración doutro mapa virtual dos recursos patrimoniais do centro histórico da cidade, con especial atención ao patrimonio militar (30.612,40 euros).
Un proxecto vinculado ao Plan de Recuperación das Baterías Militares
Valentín González Formoso subliñou "o compromiso da Deputación da Coruña coa posta en valor do patrimonio de Ferrol". "Ferrol conta cun legado patrimonial militar excepcional, tanto no seu centro histórico como nas antigas baterías militares que se estenden por toda a Costa Ártabra, e cremos que é hora de poñelo no lugar que merece".
O presidente enmarcou este acordo no Plan de Recuperación das Baterías Militares da Costa de Ferrolterra impulsado pola Deputación e que inclúe actuacións nas antigas baterías militares de Monteventoso (Ferrol), Campelo (Valdoviño) e Bailadora (Ares). Un plan que naceu cun orzamento de 1 millón de euros de fondos propios da institución provincial e ao que se sumaron estes dous millóns de fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España (un millón para actuacións na cidade de Ferrol), que permiten elevar a 3 millóns de euros o investimento total no proxecto.
Pola súa banda, Rey Varela agradeceu a colaboración da Deputación "neste completo deseño para que as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal sigan medrando nun ámbito que se destaca como un importante motor económico da nosa cidade, da provincia e de Galicia como é o turismo".
Lembrou o rexedor que Ferrol acolleu no que vai de 2025 un 16% máis de peregrinos respecto ao ano pasado por estas datas, unha porcentaxe que se incrementa ata o 46% en canto aos viaxeiros que escolleron Ferrol como o seu destino. Rematou Rey Varela aludindo a que "a colaboración institucional debe servir para atender o día a día, si, pero tamén a construír novos proxectos de futuro para a cidade como é este PSTD".
A Deputación, pioneira na recuperación do patrimonio militar da Costa Ártabra
O obxectivo último deste proxecto é recuperar e poñer en valor o patrimonio histórico e cultural propio da cidade e do litoral ártabro, aproveitándoo como reclamo de turismo sostible no destino, un fito no que a Deputación da Coruña foi pioneira ao destinar un millón de euros de fondos propios para a recuperación e posta en valor das baterías militares de Monteventoso, Bailadora (Ares) e Campelo (Valdoviño).
Deste xeito, os dous millóns de euros do PSTD complementan esa primeira actuación e repártense entre os 993.612,40 que recibe Ferrol a través deste convenio e, o restante, irá destinado a intervencións en Ares e Valdoviño..
Un proxecto que une historia, tecnoloxía e sustentabilidade
A iniciativa permitirá avanzar na integración entre patrimonio e novas tecnoloxías, mellorando a experiencia de residentes e visitantes mediante a dixitalización de contidos culturais e turísticos. Ao tempo, contribuirá á conservación ambiental e paisaxística do centro urbano de Ferrol, cun enfoque sostible que aposta por recuperar espazos públicos de calidade.
Tamén cómpre salientar que este proxecto se enmarca dentro dunha estratexia máis ampla de revalorización do territorio e diversificación da oferta turística da provincia da Coruña, na que Ferrolterra ocupa un papel destacado pola súa singularidade histórica, cultural e xeográfica.
A combinación de recuperación patrimonial, innovación dixital e impulso ao turismo sostible converte este convenio nun exemplo no aproveitamento dos fondos europeos de recuperación, promovendo un modelo turístico respectuoso, moderno e con capacidade de xeración de emprego e dinamización económica para o conxunto da comarca.
Convenio para a xestión do Centro de Día de Menores de Ferrol
Ademais do convenio do PSTD, González Formoso e Rey Varela asinaron outro acordo de colaboración para a xestión do Centro de Día de menores de Ferrol. Este centro atende diariamente a 75 rapaces e rapazas (70 de Ferrol e 5 de Narón) pertencentes a familias usuarias dos servizos sociais municipais, ofrecéndolles servizos de apoio socio-educativo e familiar. O convenio asinado hoxe ten unha duración inicial de dous anos, prorrogable outros dous.
O presidente provincial destacou que "é unha prioridade para a Deputación este investimento social", facendo fincapé na "necesidade destes rapaces e rapazas e máis das súas familias do apoio das institucións públicas".
Pola súa banda, o rexedor ferrolán celebrou "o magnífico servizo que se leva prestando neste centro dende hai moitos anos" e agradeceu "poder seguir contando con 70 prazas para familias empadroadas en Ferrol".