Estás en:Novas

Juan de la Quintana gaña o XIX Premio Internacional de fotografía “Luís Ksado” da Deputación

A proposta do fotógrafo madrileño, I gotta change, aborda "con sensibilidade e rigor" a cuestión da saúde mental

O xurado acordou conceder unha mención de honra á serie L'orta sud, de Óscar Corral, fotoxornalista galego recentemente galardoado co Premio Ortega y Gasset 2025

Juan de la Quintana gaña o XIX Premio Internacional de fotografía “Luís Ksado” da Deputación

A Deputación da Coruña vén de fallar o XIX Premio "Luís Ksado" de creación fotográfica, que nesta edición recoñece o traballo do fotógrafo madrileño Juan de la Quintana coa serie titulada I gotta change. A decisión foi tomada polo xurado no Pazo Provincial, destacando o valor artístico e conceptual desta colección, que aborda "con sensibilidade e rigor" o tema da saúde mental.

Un xurado composto por figuras de referencia no ámbito da fotografía documental e artística, como o Premio Nacional de Fotografía Gervasio Sánchez; o comisario Alejandro Castellote; a fotoxornalista hispano-palestina Maysun Abu-Khdeir Granado; Mónica Torres, fotoxornalista de El País na Comunidade Valenciana; e Ana Surinyach, editora gráfica da revista 5W. A presidenta do xurado foi Natividade González Rodríguez, deputada de cultura e a secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes. O comisario do premio, Xurxo Lobato, tamén estivo presente na reunión.

Na valoración, salientaron "o carácter contemporáneo" da proposta gañadora, que explora "a vulnerabilidade das persoas retratadas e constrúe un discurso visual que outorga a mesma relevancia aos rostros que aos espazos que os rodean". A serie afástase da dramatización habitual nestes temas e aposta por escenas cotiás e iluminación natural, acentuando a asincronía entre a experiencia persoal e a aparente normalidade.

Na deliberación final, o xurado acordou conceder unha mención de honra á serie L'orta sud, de Óscar Corral, fotoxornalista galego recentemente galardoado co Premio Ortega y Gasset 2025, que aborda os efectos da DANA a través dunha linguaxe visual sutil e simbólica, capaz de superar o enfoque puramente informativo habitual neste tipo de acontecementos.

Tamén se seleccionaron como finalistas as series Metamorfosis, As leccións esquecidas, Sitio aparte do mundo e Entre el tiempo y el sabor, el mar, una memoria visual, dos fotógrafos Carlos Folgoso; Raquel López; Stephane Lutier e Miguel Muñiz. Estas propostas, xunto coa gañadora e a mención de honra, formarán parte dunha exposición itinerante polos concellos da provincia, que se inaugurará o 1 de outubro no Museo do Pobo Galego, e estarán incluídas no catálogo oficial do certame

O Premio "Luís Ksado" reafirma así o seu compromiso co apoio á creación fotográfica contemporánea e coa difusión de proxectos que, como o de Juan de la Quintana, contribúen a enriquecer o debate social desde a imaxe.