A Deputación entrega un novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar do Concello da Baña
A deputada de Servizos Sociais, Mar García, participou na entrega do coche, adquirido ao abeiro das subvencións provinciais para mellorar a atención domiciliaria
O Dacia Sandero híbrido facilitará os desprazamentos do persoal que atende a un cento de persoas no municipio

A Deputación da Coruña continúa a apoiar aos concellos na mellora dos servizos sociais de proximidade coa entrega dun novo vehículo para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello da Baña. A través dunha achega provincial, financiouse o custo íntegro do coche, que permitirá facilitar os desprazamentos das traballadoras que prestan atención domiciliaria á veciñanza.
A deputada de Servizos Sociais, Mar García, participou no acto de entrega do vehículo, un Dacia Sandero híbrido adquirido grazas ao programa de subvencións da Deputación para a adquisición de vehículos destinados ao SAF. Trátase dun modelo que funciona con gas (GLP) e gasolina e conta con etiqueta eco, contribuíndo así ao aforro en combustible e á sustentabilidade ambiental.
A entrega do coche tivo lugar nas inmediacións do Concello, onde o representante da empresa Talleres Baleato, Daniel Rodríguez, fixo entrega das chaves á concelleira de Acción Social da Baña, Mónica González. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; o concelleiro de Obras, Jesús Pena, e a traballadora social do municipio Laura Senra.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que estas axudas da Deputación para adquisición de vehículos para os servizos sociais foron creadas para atender unha demanda das traballadoras de axuda no fogar e resolve un problema intrínseco nos municipios máis rurais, "onde a dispersión de poboación é maior e resulta necesario realizar un elevado número de desprazamentos para acadar unha cobertura óptima".
A través deste programa de subvencións, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co benestar das persoas maiores e dependentes, mellorando os medios co que contan os concellos para prestar un servizo esencial como é a axuda no fogar. Actualmente, o Concello da Baña atende a arredor de 100 persoas mediante un modelo mixto, no que participan tanto persoal municipal como da empresa especializada Atendo.
A Deputación cofinancia este ano 2.320 horas de servizo de axuda no fogar e a contratación de dúas persoas na área de Servizos Sociais do Concello da Baña.