Estás en:Novas

A Deputación investirá 1,7 millóns de euros para rematar as obras da estrada de Hospital a Brens, en Dumbría

As obras rematarán os traballos que quedaron pendentes tras a resolución do anterior contrato e inclúen melloras adicionais na estrada

A Deputación investirá 1,7 millóns de euros para rematar as obras da estrada de Hospital a Brens, en Dumbría

A Deputación da Coruña aprobará no pleno deste xoves, 24 de xullo, un investimento de 1,7 millóns de euros para rematar as obras de mellora da estrada DP 2302 de Hospital a Brens, no tramo de preto de 3,8 quilómetros comprendido entre os PQ 2+100 e 5+890, no concello de Dumbría.

Os traballos de mellora desta estrada foran iniciados xa en 2021, cun orzamento de 826.753 euros, pero as continuas demoras na execución das obras e o seu posterior abandono por parte da empresa adxudicataria provocou a resolución do contrato tras un longo proceso administrativo e xudicial.

O proxecto que agora se aproba dará continuidade ás actuacións previstas no proxecto orixinal, reparará os danos ocasionados polo tempo transcorrido e incluirá melloras adicionais para incrementar a seguridade e funcionalidade do vial. Entre elas, destacan a instalación de novas barreiras de protección e a execución de obras complementarias para mellorar o sistema de drenaxe.

A Deputación da Coruña cumpre así o compromiso adquirido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, co alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, de aprobar un novo proxecto que permita reactivar as obras e facelo no menor prazo de tempo posible, tras anos de paralización dun proxecto fundamental para as comunicacións do municipio e da comarca.

Unha estrada máis ampla e segura

O obxectivo principal da intervención, realizada no tramo que conecta os núcleos de Hospital e Brens, é mellorar as condicións de circulación e seguridade viaria. Para iso, mellorarase a estrada existente mediante a ampliación da sección actual para dotala de dous carrís de circulación de entre 3 e 3.25 metros de ancho e beiravías de 0.50 metros, así como a execución de carrís de espera e cuñas nas interseccións.

Contémplase tamén a corrección de curvas e a mellora da visibilidade. Ademais, préstase tamén atención aos peóns ao incluír un tramo de senda na marxe esquerda de dous metros de ancho.

A actuación inclúe, tamén, a adaptación á rasante das estradas municipais que enlazan coa DP-2302 para mellorar, na medida do posible, as interseccións.

Os traballos remataranse coa correcta sinalización da vía, vertical e horizontal, así como coa disposición de novas barreiras de seguridade necesarias. As obras teñen un prazo de execución de oito meses.