Estás en:Novas

A Deputación e a UDC renovan o convenio para que os residentes da Elvira Bao empreguen o comedor do IES Rosalía Mera

Esta iniciativa oferta 70 prazas nas que se prestará o servizo durante almorzos, xantares e ceas

Este convenio leva funcionando dende 2019 con cifras de éxito entre o estudantado

A Deputación e a UDC renovan o convenio para que os residentes da Elvira Bao empreguen o comedor do IES Rosalía Mera

A Deputación da Coruña e a Universidade da Coruña veñen de renovar o convenio de colaboración que permitirá, un curso máis, que o alumnado aloxado na Residencia Universitaria Elvira Bao poida facer uso do comedor do IES Rosalía Mera. Esta iniciativa, que leva funcionando desde 2019, refórzase novamente como unha experiencia de éxito e cooperación entre institucións públicas, orientada a mellorar as condicións de vida do estudantado universitario na cidade.

Este acordo establece as condicións nas que se prestará o servizo de comedor, cun total de 70 prazas dispoñibles, incluíndo almorzos, xantares e ceas segundo o calendario escolar do centro educativo. A Deputación comprométese a facilitar as instalacións e organizar o servizo, mentres que a UDC será responsable de comunicar regularmente a relación de estudantes autorizados, así como as súas necesidades alimentarias específicas.

O convenio, asinado entre o deputado provincial de patrimonio e contratación, Xosé Penas, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, contempla prezos bonificados para as persoas pertencentes a familias numerosas, tanto de categoría xeral como especial, e regula a xestión das compensacións económicas derivadas da prestación do servizo. A súa vixencia abranguerá desde o 1 de setembro de 2025 ata o 31 de decembro de 2026, con posibilidade de prórroga dun ano máis, garantindo así a continuidade do apoio institucional ao benestar universitario.

A colaboración entre ambas entidades reafirma o seu compromiso co acceso equitativo á educación e á calidade de vida do estudantado, ao tempo que pon en valor o uso eficiente dos recursos públicos a través da coordinación interinstitucional.