A Deputación aproba un investimento de máis de 737.000 € para mellorar outro tramo da estrada de Valón a San Xurxo, en Ferrol
A actuación busca mellorar as condicións de circulación e accesibilidade na DP 3607, nunha zona rural cun trazado moi sinuoso

A Deputación da Coruña aprobou por unanimidade no pleno deste xoves, 24 de xullo,o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada provincial DP 3607, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4+200 e 5+000, en Ferrol, cun investimento de 737.506 euros. As obras dan continuidade ás melloras xa realizadas pola institución provincial nos primeiros 4,2 quilómetros do vial.
Trátase dunha actuación coa que se busca mellorar as condicións de circulación e accesibilidade no vial que vai de Valón a San Xurxo, nunha zona rural cun trazado moi sinuoso.
O orzamento das obras é de 681.915,88 euros, ao que se suman 55.591,85 euros destinados ás expropiacións necesarias para a execución dos traballos. O obxectivo é garantir unha circulación máis segura tanto para vehículos como para peóns mediante a ampliación da plataforma e a construción de espazos de tránsito peonís axeitados.
A plataforma da estrada anchearase ata os 9 metros, dotándoa dunha nova sección transversal con dous carrís de 3 metros de ancho para todo o tramo de actuación, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de 2 metros.
Para manter a permeabilidade da vía cos camiños e accesos existentes, o proxecto inclúe a súa reposición e repavimentación, garantindo pendentes compatibles.
Contémplase tamén no proxecto a pavimentación de beirarrúas e sendas, que se destinarán ao tránsito peonil. O acabado realizarase cunha cunha capa de formigón.
A intervención complétase coa renovación integral do firme da calzada, axustes no trazado e a mellora e renovación da sinalización vertical e horizontal, co fin de reforzar a seguridade desta vía.