Estás en:Novas

A Deputación apoia os actos da recreación histórica do desembarco de Rodrigo de Luna en Corcubión, que se celebran esta fin de semana

O pleno provincial aprobou hoxe o convenio de colaboración co Concello de Corcubión para celebrar este evento cultural e turístico que rememora os feitos do ano 1457

A Deputación apoia os actos da recreación histórica do desembarco de Rodrigo de Luna en Corcubión, que se celebran esta fin de semana

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado hoxe un convenio de colaboración co Concello de Corcubión para apoiar con 14.423 euros os actos de celebración da recreación histórica do desembarco das tropas do arcebispo Rodrigo de Luna e a loita cos cabaleiros dos Condes de Altamira, un episodio que tivo lugar na vila no ano 1457.

O evento, que se celebra esta última fin de semana de xullo coincidindo co Mercado Medieval da localidade, forma parte das actividades culturais máis singulares do verán da Costa da Morte e reúne cada ano a centos de veciños e veciñas de Corcubión, así como a visitantes de toda a comarca, que se implican na posta en escena dunha representación teatral cargada de épica e memoria histórica.

A través desta colaboración, a Deputación contribúe á promoción do patrimonio histórico e cultural de Corcubión, reforzando unha actividade que combina teatro, música, escenografía, accións de rúa e efectos audiovisuais, incluíndo unha tirada piromusical como colofón final.

O espectáculo recrea a defensa da vila por parte da veciñanza ante o intento de ocupación das tropas do arcebispo de Santiago, e o duelo heroico de Gomes de Riobó, vasalo dos Condes de Altamira, contra o capitán Caamaño. A acción ten lugar na praia de Quenxe, nunha posta en escena na que se implican tanto compañías teatrais profesionais como preto dun centenar de veciños e veciñas.

A proposta cultural, que se desenvolve desde 2007, contribúe á economía local e a proxección turística da vila, recoñecida como Conxunto Histórico-Artístico e enclave destacado do Camiño de Fisterra-Muxía.