A Deputación financia con 350.000 euros a renovación do campo de fútbol de Vimianzo, que o Concello iniciou esta semana
Valentín González Formoso destacou que se trata "dun investimento importante que servirá para que os e as deportistas desenvolvan esta actividade en condicións seguras e dignas"
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o compromiso da institución provincial co deporte: "Co seu apoio poderemos facer realidade esta actuación tan necesaria para a nosa veciñanza"

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe, en compaña da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, as obras que están a comezar no campo municipal da localidade. O Concello puxo en marcha esta semana uns traballos a cuxo financiamento a institución provincial contribúe con 350.000 euros, o 72,90 % do orzamento total do proxecto, que ascende a 480.132,43 euros. A Administración local asume os 130.132,43 euros restantes. Esta iniciativa inclúe a renovación do céspede artificial e a cantina. Na visita tamén estiveron presentes membros das directivas do Soneira S.D. e o C.D. Baíñas, clubs que utilizan habitualmente as instalacións deportivas.
Formoso destacou que máis de cen persoas fan uso dun campo que precisaba dunha completa intervención, dado o seu desgaste. "É un investimento importante que servirá para que os e as deportistas poidan desenvolver esta actividade en condicións seguras", destacou o presidente provincial, que lembrou que se aproveitará a intervención "para mellorar tamén instalacións auxiliares". "Este proxecto vai facer que a práctica do fútbol, a máis maioritaria dentro do ámbito deportivo, se faga nunha infraestrutura digna", engadiu.
Mónica Rodríguez destacou que "esta actuación era moi solicitada pola veciñanza e polos clubs, xa que o campo levaba desde o 2007 sen ningún cambio, e agora por fin está en marcha esta renovación tan importante. Estou segura de que suporá un antes e un despois para o deporte local, dotando a instalación das mellores condicións para a práctica deportiva". Sinalou que é "unha reforma multidisciplinar" e engadiu que "unha vez rematadas, as vimiancesas e os vimianceses poderán gozar dun campo de fútbol á súa altura nunha instalación que por fin estará ao nivel do noso deporte". A alcaldesa agradeceu "o compromiso da Deputación da Coruña co deporte, grazas ao seu apoio poderemos facer realidade esta actuación tan importante para a nosa veciñanza".
Esta semana estivéronse realizando os traballos de levantamento do antigo céspede. O novo estará composto por unha subbase elástica prefabricada en rolos á que seguirá un céspede artificial de última xeración. Ademais, actualizarase a rede de drenaxe do campo de fútbol coa instalación dunha canaleta de formigón para a recollida de augas a ambas marxes do terreo de xogo. Vaise mellorar, do mesmo xeito, o sistema de rego, coa renovación dos canóns de impacto e as respectivas electroválvulas.
No terreo de xogo, a intervención completarase coa reposición da varanda perimetral, a instalación de rede recollebalóns nos dous fondos e a subministración dun novo xogo de porterías para fútbol 7.
O proxecto inclúe tamén a reforma e acondicionamento da cantina que ampliará a súa capacidade cunha cuberta a unha auga con acabado en tella, igual que a existente actualmente, e a instalarase un cerramento totalmente acristalado. Tamén se reformarán os aseos do público.