A Deputación incrementa a achega para financiar dúas sendas no polígono de Sabón, en Arteixo
Contribuirá con máis de 1,2 millóns de euros aos proxectos que se desenvolverán, por unha banda, na área do embalse e a avenida da prensa, e por outra, na zona da praia

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade a adenda ao convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Arteixo para o financiamento de infraestruturas no polígono de Sabón, como consecuencia da cesión da área empresarial á Administración local arteixá.
O documento recolle un incremento de 73.204,55 euros sobre o previsto inicialmente para desenvolver unha senda na zona do embalse e a avenida da prensa, de modo que a achega da Deputación se eleva agora ata os 670.673,55 euros. Con esa dotación sufragarase o 100 % da nova infraestrutura.
Por outra banda, a institución provincial destinará 587.280,39 euros ao proxecto da senda que discorrerá polas inmediacións da praia. Ese montante supón un aumento de 177.514,45 euros. Así, a achega da Deputación cubrirá o 51,52 % do custe total da obra.
A adenda aprobada hoxe contempla tamén unha modificación da data de vixencia do convenio entre Deputación e Concello, que se fixa agora no 22 de abril de 2027. Tamén un novo prazo de finalización das obras, que concluirá o 21 de marzo dese mesmo ano.
O acordo entre ambas administracións, que data de 2021, recolle a execución de diferentes obras relacionadas cos sistemas de abastecemento de auga ao polígono e a mellora da mobilidade peonil. A achega máxima por parte da Deputación para sufragalas sitúase nos 3.564.098,70 millóns de euros.