Estás en:Novas

Deputación e Concello de Ames estudan ampliar a súa colaboración para o mantemento da Oficina de Transformación Comunitaria

Valentín González Formoso e Blas García mantiveron hoxe unha reunión na que tamén analizaron o arranxo e cesión da antiga estrada provincial DP-0205 entre A Condomiña a Bugallido

Deputación e Concello de Ames estudan ampliar a súa colaboración para o mantemento da Oficina de Transformación Comunitaria

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mostroulle hoxe ao alcalde de Ames, Blas García, o interese da institución provincial en seguir colaborando no mantemento da Oficina de Transformación Comunitaria que existe nese municipio. Dita colaboración iniciouse en febreiro de 2024 coa sinatura dun convenio de cofinanciamento de actividades. Dende o Concello de Ames solicitouse a colaboración da Deputación para a análise técnica de proxectos e o posterior soporte para levar a cabo as infraestruturas necesarias. Ambos coincidiron en que a colaboración entre as distintas oficinas provinciais será vital para que "un claro proxecto de futuro", tal e como o cualificaron o presidente e o alcalde, avance.
As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. Por norma xeral, utilizan instalacións solares fotovoltaicas para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a colocación de paneis entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.
A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado.

Formoso e García analizaron tamén o proxecto de mellora da DP-0205 dende A Condomiña a Bugallido. Ambos chegaron o ano pasado ao compromiso de arranxo e cesión do viario por parte da Deputación unha vez elaborase Ames o antedito proxecto.
As actuacións previstas centraranse na creación de novas infraestruturas peonís e na mellora das existentes, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria. Ao mesmo tempo, contemplarase a renovación do firme da estrada e a implantación de novas medidas de ordenación do tráfico que contribúan a mellorar o comportamento dos vehículos na vía. O proxecto construtivo xa se atopa na Deputación para a súa análise por parte dos técnicos provinciais.