O rural galego brilla no Pantín Classic grazas ao espazo da Deputación da Coruña

Do 23 ao 31 de agosto celebrouse na praia de Pantín (Valdoviño) a 38ª edición do Abanca Pantín Classic Galicia Pro, proba integrada na World Surf League (WSL) que converteu a costa galega nun escaparate internacional para o surf profesional. Este ano, ademais das ondas, a innovación agroalimentaria e os produtos locais tiveron un papel destacado grazas ao espazo propio da Deputación da Coruña na carpa institucional do evento.
Durante a semana de competición, a carpa da Deputación acolleu a exposición e degustación de produtos da asociación Darredor e do colectivo Ay! Carmen, elaborados nos centros de transformación agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche) e Transformando en Brión. Esta iniciativa permitiu aos visitantes coñecer de primeira man a riqueza do territorio galego a través de produtos locais, artesanais e sostibles.
A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García, visitou a carpa e destacou a importancia destas iniciativas para dinamizar o rural, xerar emprego de calidade e poñer en valor os produtos de proximidade. A súa presenza supuxo un recoñecemento institucional ao esforzo das produtoras e ao impulso da innovación social e agroalimentaria dende o territorio.
Entre os produtos que se presentaron atopáronse:
• Germán Beiroa Rivas: vexetais frescos, froitas, marmeladas e zumes.
• Esis Giraut: granola artesanal con cereais, froitos secos e mel.
• Pilar Sotelino (Makika): marmeladas, granolas e sobremesas vexetais.
• Mesquiteiras: conservas vexetais, hortalizas, zumes e froitas en distintas elaboracións.
• Ay! Carmen: limonadas, marmeladas de amorodo e tomate, e tomate confeitado, entre outros produtos frescos e comprometidos co territorio.
O espazo da Deputación permitiu visibilizar o potencial do rural galego máis aló da produción, amosando a súa capacidade de innovación, sostibilidade e colaboración. A presenza de A Fusquenlla e Transformando en Brión consolidou este enfoque, reforzando a idea de que o rural non é periferia, senón centro de transformación e futuro.
Para máis información sobre a Rede Provincial de Coworking: https://redecoworking.pel.gal