Estás en:Novas

Regueira destaca a contribución da Deputación “a festivais que fan do territorio ferrolán un referente internacional na arte urbana”

O vicepresidente provincial participou hoxe na presentación das Meninas de Canido 2025, que se vai celebrar do 5 ao 7 de setembro co patrocinio da administración provincial

"A arte, que en Canido queda patente, sirve para facer comunidade, sirve para facer un mundo más fermoso e máis xusto, así que é de xustiza que nos festivais de arte coma este reclamemos un mundo onde non se asasine gratuitamente a inocentes, como está a acontecer en Gaza", reclamou Regueira

Regueira destaca a contribución da Deputación “a festivais que fan do territorio ferrolán un referente internacional na arte urbana”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e titular de Turismo, Xosé Regueira, participou está mañá en Ferrol na presentación do Festival Meninas de Canido 2025, que organiza a Agrupación Artística Meninas de Canido co apoio económico da institución provincial. No acto, celebrado no Museo de Historia Natural, Regueira estivo acompañado polo director do festival e presidente da entidade organizadora, Eduardo Hermida; polo alcalde ferrolán, José Manuel Rey, e pola delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros.

Regueira destacou a comarca ferrolá "como un referente internacional na arte urbana". "Falamos", engadiu, "dun territorio que ten dous epicentros importantes: as Meninas de Canido, cita senlleira na península Ibérica, e o Perla Mural Fest de Fene; pero tamén desde Ferrol ata Ortegal, seguindo a pegada das Meninas, están a facerse propostas moi interesantes".

"A provincia da Coruña", afirmou o vicepresidente, "agocha unha serie de festivais moi importantes, moitos deles participados pola Deputación da Coruña, que ofrecen a oportunidade de facer comunidade, de diversificar o produto e de propoñer proxectos atractivos cara o futuro".

Regueira lembrou que a Deputación está traballando en Ferrolterra "intensamente", en diferentes proxectos, caso da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial da Unesco, o Xeoparque de Ortegal ou as fragas do Eume, "proxectos nos que sempre é moi satisfactorio ir da man das administracións, tanto das locais coma da autonómica".

O vicepresidente fixo referencia na súa intervención ao conflito que Israel mantén con Palestina,"que ten que ver tamén coa arte, entendida coma unha das disciplinas humanísticas". "A arte da rúa", dixo, "xurdiu tamén para dar voz, para denunciar as inxustizas do mundo, e eu hoxe quero denunciar algo que non ten que ver coa política nin coa ideoloxía, senón que ten que ver coa humanidade: o xenocidio de Gaza". "Deberiamos esixir", afirmou, "que neste caso se tomen contra Israel as medidas que se tomaron en poucas horas contra Rusia pola inxusta invasión de Ucraína, e que deixemos de ver o antes posible as imaxes terribles e a falta de humanidade, que nos ten que afectar a todos, que estamos vivindo en Gaza".

"A arte, e en Canido queda patente", rematou Regueira, "sirve para facer comunidade, sirve para facer un mundo más fermoso e máis xusto, así que é de xustiza que nos festivais de arte coma este reclamemos un mundo onde non se asasine gratuitamente a inocentes".

O festival
O festival chega á súa decimo sétima edición para celebrar as orixes do graffiti e consolidar o seu crecemento cun programa que non só vai xuntar a 27 artistas urbanos, senón que tamén aposta con forza pola música en directo con tres días de concertos no Parque Antón Varela.

Eduardo Hermida anunciou a participación de pioneiros da arte urbana para seguir embelecendo o barrio coas interpretacións das Meninas ‒máis de 500, na actualidade‒. A lista complétana: SFHIR, El Rojo, Pastron#7, Fer Patiño, Mario Manei, Araya Vivi, Zeta, Spela Trobec, Stimie, Slow Fire, El séptimo crío, Luis Rapela, Kapi, Helen More, El Maese, Chile, C.A, Yolie, OCHI, Carl Merrill, Hermonos, Gonzalo Alonso, Vuelco, Alex Estudio, Achorro Vivo, Mon Devane, Ana Corazón e Nath Guacsh.

A música comenzará a soar o venres 5, logo do pregón inaugural que dará a poeta Yolanda Castaño, cos concertos de Ede e de Kurwa e unha sesión do DJ Roi Limboos. O sábado 6 subirán ao escenario as bandas Durden, Lilicleta, Pulpiño Viascón, Duende Eléctrico, Corizonas e Tandub, e os DJ Propa e Sfhir. Xa o domingo 7, será a quenda para Duende Eléctrico, Nuevo Plan, As Pías e unha última sesión de picadiscos.

O Mercado Creativo das Meninas volverá a ocupar a rúa Poeta Pérez Parallé e contará con casetas de ilustración, deseño, arte téxtil e artesanía contemporánea. Onda o mercado instalarase, ademais, unha zona de "foodtrucks".

A cativada terá tamén o seu espacio no festival para explorar a súa creatividade en obradoiros de pintura e traballos manuais.