Estás en:Novas

O FIOT volve contar co apoio da Deputación nunha 34ª edición que convida a mirar a tradición, a memoria e a orixe

"Desde este escenario ao que subiron tantos personaxes fantásticos, actores e actrices de primeiro nivel, e que sempre nos abriu unha ventá á liberdade, á liberdade de expresión e á crítica, con total normalidade, desde este espazo quero pedir, no nome de moitísima xente de Carballo e de Galicia, que cese dunha vez o horror de Gaza e que Europa reaccione a toda esa inxustiza", demandou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na presentación do programa, que incluíu o espectáculo de Fran Sieira Compañía de Danza "Un baile ceibe"

Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo regresa ás salas, rúas e outros espazos da capital bergantiñá con recoñecidas figuras e compañías das artes escénicas, galega, nacional e europea, como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O'Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro

A actriz, directora e dramaturga Areta Bolado será este ano a Xograresa de Outono dun festival que ofrecerá 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia e 2 coproducións

O FIOT volve contar co apoio da Deputación nunha 34ª edición que convida a mirar a tradición, a memoria e a orixe

O Pazo da Cultura de Carballo acolleu onte a presentación da 34ª edición Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que un ano máis volve a contar co apoio da Deputación da Coruña. No acto participou o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, a quen acompañaron Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte, organizadora do festival en colaboración co Concello de Carballo; Evencio Ferrero e Maruxa Suárez, alcalde e concelleira de Cultura e Festas da capital bergantiñá; José López, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia; e Jacobo Sutil, director Axencia Galega Industrias Culturais.

"Para a administración que hoxe represento aquí", dixo Regueira, "o FIOT é algo moi moi especial". "Primeiro", engadiu, "como dicía Sueiro, é un dos artefactos culturais máis potentes de Galicia e polo tanto temos unha gran sorte os carballeses e carballesas de que se celebre aquí; e os galegos e galegas, que o teñamos en Galicia, así que vaia para eles os nosos parabéns e as nosas felicitacións, porque iso non se fai por casualidade, senón que se fai con moitísimo esforzo, por moito apoio das administracións que haxa".

Referiuse o vicepresidente á programación do festival, "de primeirísimo nivel", e ao teatro como "algo verdadeiramente importante, elemento transformador de cohesión social e de futuro", e reiterou o apoio da Deputación "a esta e a moitas moitas máis edicións que han vir".

Rematou Regueira a súa intervención lembrando o xenocidio que están sufrindo seres humanos inocentes, non tan lonxe de aquí, en Gaza". "Desde este escenario ao que subiron tantos personaxes fantásticos, actores e actrices de primeiro nivel, e que sempre nos abriu unha ventá á liberdade, á liberdade de expresión, á crítica, con total normalidade, desde este espazo quero pedir, no nome de moitísima xente de Carballo e de Galicia, que cese dunha vez ese horror e que Europa reaccione a toda esa inxustiza. E que o teatro tamén sirva como revulsivo para axitar as conciencias e, como fixo sempre, para despertar en nós iso ao que se referiu antes Alberto con acerto: amor e a humanidade".

Precisamente para o director do festival, o 34º FIOT "é o máis grande da nosa historia". "E este fito", destacou Sueiro, "é froito dun esforzo colectivo, dunha programación diversa e dunha aposta firme pola calidade e a diversidade, combinando o mellor das nosas raíces con propostas innovadoras que miran ao futuro". "Queremos", dixo, "que cada espectador, ao saír dunha función, sinta que viviu algo único, nun festival que desexamos que sexa ese lugar onde todas e todos poidamos atoparnos para sentir, pensar e soñar xuntas e xuntos".

O festival
Co lema "Raíz viva, memoria colectiva", que convida a mirar a tradición, a memoria e a orixe, o 34º FIOT reunirá en Carballo durante cinco semanas, do 25 de setembro ao 31 de outubro, a celebradas figuras e compañías das escenas galega, nacional e europea, como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O'Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Paula Carballeira, Ainé, Quico Cadaval, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro. A actriz, directora e dramaturga Areta Bolado recibirá este ano o recoñecemento como Xograresa de Outono.

Nesta edición, o FIOT ofrecerá nas súas liñas de programación habituais 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia e 2 coproducións, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación. No FIOT 2025 haberá Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de "works in progress" e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público ou o Certame de Teatro Lido.

Toda a info sobre o programa e como conseguir as entradas para as funcións e as actividades paralelas do festival, en fiot.gal.