A Deputación reafirma o seu apoio á Fundación Juana de Vega cunha achega de 22.780 euros para as Xornadas Internacionais sobre Paisaxe
A deputada Rosa Ana García participou no acto de inauguración, onde destacou o apoio provincial a iniciativas relacionadas co medio ambiente e puxo en valor a importancia estratéxica dos litorais.
A sede da Fundación Juana de Vega acolleu hoxe a inauguración das Xornadas Internacionais Paisaxes Litorais Consilientes, un encontro que reúne expertos nacionais e internacionais para debater sobre o futuro sostible dos bordos litorais.
Durante o acto, a deputada provincial de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou o compromiso da Deputación coa Fundación, sinalando que "para estas xornadas a Deputación outórgalle no 2025 unha axuda de 22.780 euros". Lembrou ademais que en anos anteriores tamén colaboraron con outros proxectos, destinando 6.424 euros en 2023 e 7.880 euros en 2022, e destacou que "en total, nos últimos anos, a Deputación achegou case 40.000 euros ao desenvolvemento das actividades desta institución".
García subliñou que este apoio vai máis alá das cifras: "Estas cifras son moito máis que números. Representan confianza, cooperación institucional e vontade de avanzar xuntos. Representan, sobre todo, o noso recoñecemento ao labor da Fundación Juana de Vega, que leva décadas contribuíndo á protección e á posta en valor da paisaxe galega". A deputada tamén puxo en valor a importancia estratéxica dos bordos litorais, lembrando que "o litoral é un lugar onde conflúen moitas visións: a visión dos portos, das administracións locais, da cidadanía, do tecido empresarial, da comunidade científica. Por iso é tan importante que existan espazos coma estas xornadas, que nos permiten construír unha mirada compartida".
As Xornadas Internacionais Paisaxes Litorais Consilientes, organizadas pola Fundación Juana de Vega, contan cun completo programa de relatorios, mesas redondas e visitas de campo que se desenvolverán ao longo do mes de setembro, co obxectivo de promover unha planificación integrada e sostible do litoral.