A deputada de Educación, Yoya Neira, inaugura o curso escolar no IES Rosalía Mera
O centro, de titularidade provincial, oferta 11 ciclos de FP e conta cun elevado índice de inserción laboral do alumnado

A deputada de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira, participou esta mañá no acto de inauguración do curso escolar 2025/2026 no IES Rosalía Mera, centro educativo de titularidade provincial. Estivo acompañada polo director do instituto, Genaro García, e membros da comunidade educativa.
Con preto de 350 alumnos e alumnas e 30 docentes, o IES Rosalía Mera da Deputación da Coruña oferta un total de once ciclos formativos de FP que van desde as artes gráficas ou a carpintería á mecánica ou o mantemento industrial e que "fan posible que os nosos estudantes adquiran coñecementos e habilidades que os preparan para afrontar os desafíos laborais", afirmou Neira, que salientou o papel fundamental da educación como motor de cambio social e destacou o traballo desenvolvido polo IES Rosalía Mera, "un centro referente na nosa provincia, exemplo de innovación, calidade e compromiso educativo".
A deputada destacou que no Rosalía Mera "non só se transmiten coñecementos, senón que se constrúe comunidade, se acompaña o alumnado e se traballa na formación de persoas comprometidas cos valores da igualdade, a solidariedade, o esforzo e a convivencia".
Neste senso, destacou a importancia dunha educación que vai máis aló das aulas e que aposta pola formación integral do alumnado: "aquí ides aprender algo que marcará para sempre o voso futuro: a convivir e a compartir valores que vos acompañarán para sempre". Tamén puxo en valor o traballo do equipo docente, ao que definiu como "guías, referentes e apoio esencial para o alumnado".
En nome da Deputación da Coruña, Neira reafirmou o compromiso da institución cunha educación pública de calidade: "Seguiremos apostando pola educación como a mellor ferramenta para transformar a sociedade e construír un futuro máis xusto e con máis oportunidades para todos e todas", afirmou.