Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Padrón celebran cos membros do Club Ciclista Padronés os seus éxitos deportivos

A Deputación da Coruña e o Concello de Padrón celebran cos membros do Club Ciclista Padronés os seus éxitos deportivos

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou este luns, xunto ao alcalde de Padrón, Anxo Rei Arca, o concelliro de Deportes, Luís Mariño, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, na recepción oficial ao Club Ciclista Padronés- Cortizo celebrada no Concello de Padrón co obxectivo de recoñecer os éxitos acadados polos seus deportistas nos 70 anos de historia da entidade.

Durante o acto, tanto o deputado como o alcalde destacaron o traballo constante e a traxectoria do club, un dos referentes do ciclismo na comarca e na provincia, e trasladaron os seus parabéns aos corredores e á directiva, encabezada polo presidente Tanis Vázquez, polo labor desenvolvido e polos seus éxitos deportivos.

Tras a recepción, as autoridades, acompañadas dos ciclistas e representantes da entidade deportiva, desprazáronse á sede do club, onde compartiron un encontro cos membros da entidade e coñeceron de primeira man o seu funcionamento e proxectos futuros.

Antonio Leira salientou o compromiso da Deputación da Coruña co Club Ciclista Padronés, unha relación que se viu reforzada nos últimos anos cun incremento no apoio económico provincial, o que permitiu consolidar a organización de eventos deportivos de alto nivel como a Clásica de Pascua, unha das probas máis emblemáticas do calendario ciclista galego.

Antonio Leira puxo en valor o Club Ciclista Padronés Cortizo como un exemplo de excelencia deportiva: "Falamos dun club histórico, decano do ciclismo galego, que leva décadas formando talentos e promovendo o deporte con ambición e profesionalidade. Os seus resultados nos últimos anos son impresionantes, con máis de 50 vitorias nunha soa tempada, participación en carreiras internacionais e unha canteira que xa compite na Vuelta a España. Para a Deputación é unha unha gran satisfacción apoiar proxectos así, que sitúan á provincia da Coruña no mapa do ciclismo estatal e europeo.", afirmou o deputado provincial.