Santa Cristina estrea nova imaxe, con máis espazo para peóns e calidade urbana, tras un investimento de 1,7 millóns da Deputación
Na inauguración da nova travesía participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez.
A Deputación investiu 1,7 millóns na transformación urbana da avenida de Santa Cristina , un dos maiores investimentos en estradas provinciais.
O presidente provincial subliñou a importancia desta obra, destacando que "Santa Cristina é un lugar de referencia en toda a comarca".

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, inauguraron hoxe a renovación integral da avenida de Santa Cristina, no concello de Oleiros, nas que a institución provincial investiu 1,7 millóns de euros.
O presidente provincial subliñou que esta obra de remodelación "era moi necesaria". Formoso incidiu en que "Santa Cristina é un lugar de referencia en toda a provincia para o paseo, un lugar de encontro para toda a veciñanza", remarcando que "esta avenida necesitaba un revulsivo".
Fixo un repaso ás principais actuacións da obra, que adaptaron esta transitada avenida aos tempos de hoxe. Isto conseguiuse "centrándonos na mobilidade accesible, con espazos verdes e que fomenten a mobilidade sostible". Tamén fixo fincapé en "todo aquilo que non se ve: renovación das tubaxes de fibrocemento por outras máis modernas e o soterramento de todas as liñas de telecomunicacións".
Formoso definiu a actuación como "1,7 millóns de euros moi ben investidos, para que a desfrute toda a provincia, especialmente a veciñanza de Oleiros, que é a verdadeira protagonista desta obra".
Pola súa banda, o rexedor oleirense e deputado provincial, Ángel García Seoane, agradeceu persoalmente o esforzo do presidente provincial para acometer uns traballos "que levaban moitos anos esperando". Recoñeceu que foi o propio Formoso quen o animou a desenvolver esta obra, "coa que os veciños están encantados".
García Seoane remarcou que "a avenida gañou en todos os sentidos" e iso nótase, por exemplo, "na adquisición de locais baleiros para hostalaría e novas empresas". O alcalde rematou a súa intervención reiterando o agradecemento por este investimento desenvolvido dende a Deputación que mellorará a calidade de vida da veciñanza de Oleiros.
Resumo das obras
As obras da Deputación reordenaron completamente esta transitada avenida, humanizando o espazo con beirarrúas máis amplas, puntos de encontro e áreas axardinadas. Tamén se instalou novo mobiliario urbano e leváronse a cabo actuacións que redundaron nunha notable mellora estética de toda a travesía.
As obras conservan as prazas de aparcamento debido á forte demanda de estacionamento na contorna, cun novo deseño máis accesible e estético e integrando na planificación as árbores xa existentes. A vexetación ten agora un maior protagonismo tras a remodelación; e a mediana que separa os carrís de circulación foi reducida para dotar dunha maior sección transversal ás beirarrúas na marxe esquerda. Tamén se procedeu á renovación do alumeado público, con novos báculos de iluminación nas marxes da estrada e un sistema LED máis eficiente.
Ademais, colocouse novo mobiliario urbano e retiráronse os postes de electricidade para soterrar as liñas que pasaban por esta avenida.