Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia un ano máis a carreira ENKI, referente galego pola inclusión a través do deporte

A Deputación da Coruña apoia un ano máis a carreira ENKI, referente galego pola inclusión a través do deporte

A explanada do Parrote acolleu esta mañá a presentación da XII edición da Carreira ENKI, unha das citas máis singulares e inclusivas do calendario deportivo galego, que terá lugar o vindeiro 18 de outubro na Coruña. A Deputación da Coruña renova o seu compromiso co evento, reafirmando así o seu apoio ao deporte como ferramenta de inclusión e transformación social.

A deputada de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira, participou no acto de presentación destacando que "a ENKI é moito máis ca unha carreira. É un movemento social que nos lembra que o importante non é chegar primeiros, senón camiñar xuntos cara unha sociedade máis xusta e igualitaria". Neira agradeceu o traballo da Fundación ENKI e a implicación do voluntariado, das entidades colaboradoras e das administracións que fan posible esta cita.

A Carreira ENKI é unha proba de obstáculos adaptados de 2,5 km pensada para todos os públicos, independentemente da idade ou condición física. O seu carácter lúdico e participativo convértese cada ano nun espazo de encontro e sensibilización, coa inclusión como eixo central. A organización busca repetir o éxito da pasada edición e acadar de novo os 15.000 dorsais vendidos, cuxos beneficios destínanse á adquisición de material deportivo adaptado e á realización de actividades para entidades sociais.

O lema escollido para esta edición, "A importancia dos segundos", invita a reflexionar sobre o papel transformador daquelas persoas que, sen acaparar os focos, fan medrar os movementos colectivos. Así o explicou o presidente da Fundación ENKI, Ángel López, quen animou a toda a cidadanía a unirse a esta carreira que promove valores como o compañeirismo, o respecto e a diversidade.

A carreira conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e entidades como Vegalsa-Eroski, El Corte Inglés, Deporte Galego, UNIRASA ou a Autoridade Portuaria da Coruña, entre outras, ademais de media partners como Quincemil, Los 40 ou DXT Campeón.

Durante a presentación, tamén interviñeron representantes do resto de institucións colaboradoras, entre elas a concelleira de Benestar Social, Nereida Canosa; o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey.

Entre as novidades desta edición, destaca que a ENKI obtivo a certificación B Greenly como evento sostible, grazas á implementación de medidas como a xestión eficiente de residuos e a instalación de illas de reciclaxe no percorrido da carreira.

Tamén se presentou unha colección de 14 postais ilustradas polo artista Héctor Francesch, nas que se representan diferentes deportes practicados por persoas con discapacidade, co obxectivo de visibilizar e normalizar estas disciplinas.

A Fundación ENKI vén de ser recoñecida cos Premios Galicia en Acción Voluntaria 2025, polo seu proxecto de voluntariado centrado na inclusión, que promove a autonomía e o empoderamento das persoas con diversidade funcional.

As inscricións para participar na Carreira ENKI 2025 xa están abertas, tanto a través da páxina web da Fundación como de forma presencial no departamento de deportes de El Corte Inglés da Coruña.