Estás en:Novas

Maré volve a Compostela o 24 de setembro como un festival participativo, aberto, variado e con raíces co apoio da Deputación

A Sala Capitol acolleu a presentación, na que participou a deputada de cultura, Natividade González

"Maré aposta por tender pontes, por mesturar tradición e contemporaneidade, por conectar culturas e xentes. É un festival que fala de futuro, pero que ao mesmo tempo nos enraíza no que somos. E iso encaixa perfectamente coa filosofía coa que desde a Deputación entendemos a cultura: como un dereito, como un espazo de participación, de creación e tamén de cohesión social" sinalou a deputada

Maré volve a Compostela o 24 de setembro como un festival participativo, aberto, variado e con raíces co apoio da Deputación

O Festival Maré presentouse na Sala Capitol de Santiago como un evento aberto, participativo, variado e con raíces. O festival, que presentou o seu cartel hai unhas semanas iníciase coa estrea mundial do novo proxecto de Felisa Segade. No acto participaron Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Miriam Louzao, concelleira de Capitalidade Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago de Compostela; Valentín García, secretario xeral de Lingua, e Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia. Felisa Segade adiantou unha píldora da súa nova proposta no remate do acto.

Maré defínese como un festival humanizado, que entende a cultura como un dereito fundamental. O seu cartel é unha declaración de principios que combina respecto pola tradición e aposta pola innovación, busca responder a retos sociais como a crise climática, a redistribución de recursos, a saúde mental ou a violencia machista. A celebración do festival é tamén unha forma de facer política cultural desde o común, xerando espazos de encontro. Durante varios días, Compostela transfórmase nun palco a ceo aberto, alumeando espazos culturais da cidade e acollendo máis de 30 artistas de distintos xéneros e linguas, tanto consolidados como novas voces. A programación, pensada para ser interxeneracional, compleméntase con actividades de poesía, danza, comedia, talleres, propostas infantís e un mercado de artesanía, facendo de Maré un mapa artístico diverso.

A deputada de cultura destacou unha "novidade" sobre o apoio da Deputación a este festival: "por primeira vez a Área de Cultura non só apoia o festival coas liñas habituais, senón que tamén sumamos axudas no marco das convocatorias destinadas ás empresas, porque o Maré é cultura, é encontro, pero tamén é dinamización económica e tecido produtivo". Tamén recalcou a súa "singularidade", ao tratarse dun festival "que percorre Compostela, que habita diferentes lugares da cidade e que se vai transformando en cada un deles. Desde escenarios emblemáticos como a propia Sala Capitol, ata rúas, prazas e recunchos que se converten en punto de encontro para a música, para o diálogo e para a diversidade cultural. Iso dálle unha identidade única: o público experimenta a cidade dun xeito distinto, recoñecéndose nela e descubríndoa a través da arte".

Ademais, González sinalou que "Maré aposta por tender pontes, por mesturar tradición e contemporaneidade, por conectar culturas e xentes. É un festival que fala de futuro, pero que ao mesmo tempo nos enraíza no que somos. E iso encaixa perfectamente coa filosofía coa que desde a Deputación entendemos a cultura: como un dereito, como un espazo de participación, de creación e tamén de cohesión social. Por iso, para nós é un orgullo formar parte desta edición, acompañar a organización e apoiar ás artistas que farán posible estes días de intensidade cultural en Compostela".