Estás en:Novas

A Deputación da Coruña acolle na Residencia do IES Rosalía Mera a 15 menores refuxiados da guerra de Mali

O acollemento realízase en colaboración coa Secretaría de Estado de Migracións e a ONG Ecos do Sur

A Deputación xa acolleu no IES Rosalía Mera a refuxiados da guerra de Yugoslavia nos 90 e da guerra de Ucraína

A Deputación da Coruña acolle na Residencia do IES Rosalía Mera a 15 menores refuxiados da guerra de Mali

A Deputación da Coruña acolle desde esta semana na Residencia do IES Rosalía Mera da Coruña a 15 menores refuxiados da guerra de Mali, un conflito que está a provocar unha grave crise humanitaria no continente africano. A acollida prodúcese tras o auto do Tribunal Supremo que lles outurga o acceso e permamencia no Sistema Nacional de Acollida de Protección Internacional.

Trátase de nenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos que chegan a Galicia no marco do Sistema de Acollida de Protección Internacional do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, nun dispositivo de emerxencia coordinado coa Secretaría de Estado de Migracións e coa colaboración da entidade social Ecos do Sur, federada da Red Acoge. O convenio de acollida ten de prazo ata o 31 de decembro de 2025, aínda que poderá ser prorrogado. 

A institución provincial pon así a disposición da rede estatal de acollemento un dos espazos rehabilitados da antiga residencia Rosalía Mera, que foi adaptado para prestar atención temporal e integral a estes menores, ofrecéndolles aloxamento, manutención, apoio psicolóxico e acompañamento social.

"A acollida destes menores é un deber ético e moral. Galicia sempre foi terra de acollida e non podemos mirar para outro lado ante o drama que viven miles de nenos e nenas en países como Mali", sinala o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que anunciou unha próxima visita ao centro e agradeceu o labor da ONG Ecos do Sur e da Secretaría de Estado de Migracións, así como a colaboración do equipo directivo do IES Rosalía Mera.

A Deputación da Coruña reafirma con esta acción o seu compromiso histórico coa defensa dos dereitos humanos e coas persoas desprazadas por conflitos bélicos. A institución provincial acolleu tamén persoas refuxiadas da guerra de Iugoslavia nos anos 90 e, máis recentemente, a familias ucraínas desprazadas pola invasión rusa.

A Deputación facilitará o espazo, os subministros, conexión a internet, servizos de limpeza e lavandería, así como actividades deportivas e de lecer para os menores. A atención directa correrá a cargo do equipo profesional da entidade Ecos do Sur, que ofrecerá un servizo permanente as 24 horas, os sete días da semana.