A Deputación e o Concello de Pontedeume invisten 306.713 euros na reforma do centro social de Vizús, en Centroña
A obra centrarase na mellora da accesibilidade e na reorganización dos espazos para adaptalos ás necesidades da veciñanza
A recuperación da antiga escola unitaria de Centroña como centro social súmase ás de Campolongo e Nogueirosa, xa realizadas polo Concello de Pontedeume co apoio económico da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández, asinaron esta mañá un convenio de cooperación que permitirá acometer a reforma integral do centro social de Vizús, un edificio utilizado como equipamento sociocultural desde o peche da antiga escola unitaria da parroquia de Centroña a comezos da década de 2000.
O proxecto supón un investimento de 306.713,10 euros, dos que a Deputación achegará o 80%, é dicir, 245.370,48 euros. O Concello asumirá o 20% restante con fondos propios.
As obras centraránse na mellora da accesibilidade e na reorganización dos espazos para adaptalos ás necesidades actuais da veciñanza. Na planta baixa crearase un gran salón multiusos, un office, un cuarto de limpeza, un almacén e un novo baño adaptado. Incorporaranse dous volumes de ampliación: un na entrada, para mellorar a acollida ao edificio, e outro na parte posterior, onde se instalará un ascensor e unha escaleira que comunicarán ambas as plantas, garantindo así un acceso universal.
Na planta alta ampliaranse algunhas das salas existentes, mantendo outros espazos como un pequeno office, un aseo e zonas de almacenaxe. En total, o inmoble contará con tres salóns polivalentes que permitirán acoller actividades culturais, formativas e de lecer de distinta natureza, dende cursos e talleres ata charlas, encontros veciñais ou exposicións.
A intervención inclúe tamén a renovación das instalacións de electricidade, fontanería e ventilación, a mellora do illamento térmico e acústico, a substitución da carpintaría exterior por ventás con rotura de ponte térmico e dobre acristalamento, e a colocación de novos pavimentos en ambas as plantas. O obxectivo é dotar ao edificio de maior confort, eficiencia enerxética e durabilidade.
Durante a sinatura do convenio, Valentín González Formoso subliñou que "como xa fixemos con outras rehabilitacións en outras escolas unitarias de Pontedeume, a Deputación financiou a meirande parte deste proxecto, que supera os 300.000 euros". Incidiu na importancia de "poñer ao servizo da sociedade e das asociacións de veciños espazos coma este, pois son centros de dinamización cultural e social, en definitiva, puntos de encontro para a veciñanza".
O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, agradeceu o apoio da institución provincial e destacou que "con esta actuación, rematamos o plan que arrancou no ano 2015 de rehabilitar todas as antigas escolas unitarias que había no rural de Pontedeume e convertelas en locais sociais, que son axentes dinamizadores das parroquias. Isto faise cunha axuda da Deputación, como se fixo coas outras dúas escolas, as de Campolongo e Nogueirosa, que xa están rematadas e ao servizo da cidadanía". "Hoxe é un día importante para nós, porque lle damos aos veciños de Centroña unha instalación á altura do que merecen", rematou o rexedor.
A senda na DP-4802, a aprobación no próximo pleno provincial
Por outra banda, Bernardo Fernández anunciou que no próximo pleno da Deputación levarase a aprobación o proxecto de senda que unirá dous tramos de beirarrúas preexistentes na marxe da DP-4802, que conecta Perbes e Campolongo, dentro do termo municipal eumés.
A actuación, que afecta a un tramo de aproximadamente 700 metros, creará un itinerario para dar continuidade ás beirarrúas que xa existen nos extremos desta senda entre os puntos quilométricos 4+771 e 5+482. O orzamento deste investimento ascende a máis de 331.000 euros e ten un prazo de execución de cinco meses.