Estás en:Novas

A Deputación presenta ‘Cartografías do Corpo Migrante: arte, tenrura e memoria’, un encontro sobre a creación colectiva de mulleres migradas, negras e racializadas

A cita, organizada en colaboración con "Mujeres Negras que Cambiaron el Mundo" terá lugar do 9 ao 12 de outubro no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro, A Coruña)

O Pazo provincial acolleu esta mañá a presentación, na que participou a deputada de igualdade e dereitos civís, Soledad Agra, e a coordinadora do proxecto, Zinthia Álvarez

"Queremos construír un espazo formativo, de coidado e expresión para as mulleres migrantes. Esta actividade supón un retiro espiritual e tamén de creación colectiva que permitirá o coidado, a reflexión, e a escoita a mulleres que normalmente non poden parar no seu día a día para dedicar tempo a si mesmas" sinalou a deputada

A Deputación presenta ‘Cartografías do Corpo Migrante: arte, tenrura e memoria’, un encontro sobre a creación colectiva de mulleres migradas, negras e racializadas

A área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, en colaboración con "Mujeres Negras que Cambiaron el Mundo", organiza o encontro 'Cartografías do Corpo Migrante: Arte, tenrura e memoria', que terá lugar no Centro Etnográfico Río Mandeo (Teixeiro, A Coruña) do 9 ao 12 de outubro. Durante catro días, 15 mulleres migradas, negras e racializadas compartirán un espazo de creación, autocoidado e memoria colectiva. Así se anunciou esta mañá na Deputación, nunha presentación na que participou a deputada de igualdade e dereitos civís, Soledad Agra, e a coordinadora do proxecto, Zinthia Álvarez.

Con este proxecto "queremos construír un espazo formativo, de coidado e expresión para un colectivo, o das mulleres migrantes, que sempre se representa como un valor unicamente para a produtividade e o sacrificio. Esta actividade supón un retiro espiritual e tamén de creación colectiva que permitirá o coidado, a reflexión, a escoita e a creación a mulleres que normalmente non poden parar no seu día a día para dedicar tempo a si mesmas" sinalou a deputada. "Mulleres que son as que sosteñen, na maioría dos casos, os coidados da nosa sociedade, e que están sufrindo tamén a precariedade laboral que supón o traballo como empregadas nos fogares, invisibles ás demandas laborais; e tamén aliadas, compañeiras na loita pola igualdade".

Agra destacou tamén que "queremos mostrarnos como a terra de acollida que somos, Galiza é unha país de persoas que migran, desde fai centos de anos, por iso nós temos o deber moral de acoller e integrar as persoas que chegan de outros territorios escapando da violencia, da fame e da precariedade". Neste sentido, apuntou que "non podemos permitir que o racismo e a aporofobia se normalicen nos discursos políticos, e desde a área de Dereitos Civís imos estar coas migrantes que veñen aquí a axudarnos a traballar e construír unha sociedade máis xusta e diversa, e nestas xornadas queremos centrarnos nas que sofren máis porque atravesan distintas discriminacións: por migrantes, por mulleres, por ser de raza negra e por ter rasgos raciais diferentes aos da maioría da poboación autóctona".

A coordinadora, Zinthia Álvarez, sinalou que "queremos poñer no centro a tenrura e o coidado como práctica política e artística. Este encontro é un espazo que historicamente nos foi negado, e hoxe construímolo colectivamente desde a memoria e a resistencia".

O programa inclúe:

  • Obradoiros de escrita autobiográfica, fotografía, narración oral e inmersión na lingua galega.
  • Espazos de creación comunitaria, concibidos como refuxios de memoria e afecto compartido.
  • Participación de artistas e obradoiristas con diversas traxectorias, que achegarán olladas plurais e enriquecedoras.
  • Concerto de clausura de Batuko Tabanka, grupo que celebra a música e a herdanza cultural da diáspora caboverdiana.