Estás en:Novas

A Deputación organiza unha xornada de traballo para o deseño e co-creación do programa de actividades de dinamización e salvagarda dos camiños a Santo André de Teixido

A cita, destinada a empresas e entidades do sector turístico, terá lugar mañá no Auditorio Municipal de Cedeira

A sesión forma parte das actuacións incluídas no PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, xestionado pola Área de Turismo da Deputación da Coruña e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Unión Europea Next Generation (PRTR)

A Deputación organiza unha xornada de traballo para o deseño e co-creación do programa de actividades de dinamización e salvagarda dos camiños a Santo André de Teixido

A Deputación organiza mañá, venres 26 de setembro, no Auditorio Municipal de Cedeira, unha xornada de traballo participativa aberta a empresas e entidades do sector turístico. A sesión forma parte das actuacións incluídas no PSTD Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal, xestionado pola Área de Turismo da Deputación da Coruña e financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Unión Europea Next Generation (PRTR).

O obxectivo é presentar e contrastar propostas de actividades de xeoturismo que conformarán o programa de dinamización dos camiños de peregrinación a Santo André de Teixido. Durante a sesión, as empresas e entidades poderán coñecer as propostas recollidas ata agora e aportar novas ideas e experiencias que se incorporarán ao programa, contribuíndo á creación conxunta dunha oferta turística baseada nas singularidades do xeoturismo, a sustentabilidade e a desestacionalización.

O territorio do Xeoparque Cabo Ortegal abarca sete concellos —Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño— e está xestionado pola Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal (AXCO), constituída polos sete concellos impulsores e encargada de manter a certificación como Xeoparque Mundial da UNESCO, ratificada en maio de 2023.

O santuario de Santo André de Teixido, situado na parroquia de Régoa (Cedeira), constitúe o elemento vertebrador do Xeoparque. Este lugar de peregrinación, con orixes prerromanas e primeiras referencias documentais no século XII, vertebraba unha rede de camiños a través do norte de Galicia e segue a atraer visitantes por motivos relixiosos, culturais, gastronómicos e paisaxísticos, consolidándose como un destino multifacético e singular.

A finalidade da xornada é implicar a todos os axentes turísticos do na creación dun programa de actividades que reflicta a diversidade, sustentabilidade e singularidade do territorio.
As empresas e entidades interesadas en participar poden inscribirse e contactar previamente co equipo de Goodlife Consultoría a través deste formulario ou vía correo electrónico a santoandre@goodlife.gal