A Deputación da Coruña supervisa as obras da terceira fase da estrada Aneiros – A Cabana, en Ferrol
A deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destaca a mellora da seguridade viaria e da accesibilidade nunha zona con alto tránsito peonil e rodado

A deputada de Vías e Obras da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, acompañada por técnicos do seu departamento, supervisou esta mañá o avance das obras da terceira e última fase da mellora integral da estrada DP 3612 de Aneiros a A Cabana, no termo municipal de Ferrol.
As obras, que avanzan a bo ritmo, contan cun investimento de 654.375 euros, aos que se suman 135.036 euros destinados ás expropiacións necesarias, completadas previamente, para permitir a ampliación do vial. En conxunto, as tres fases do proxecto supoñen un investimento total de 1,6 millóns de euros por parte da Deputación.
Esta terceira fase abrangue o treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+180 —na intersección coa estrada a Valón— e o PQ 1+640, á altura do local social de A Cabana. A actuación inclúe a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e a construción de novas beirarrúas de dous metros de ancho, o que permitirá dotar de seguridade peonil a unha zona moi transitada e con vivendas pegadas á estrada.
"Falamos dunha obra que mellora non só a seguridade da circulación, senón tamén da veciñanza nos seus desprazamentos a pé", sinalou Mónica Rodríguez, que tamén quixo agradecer a colaboración dos residentes afectados polas expropiacións. "Sabemos que as obras poden causar algunhas molestias puntuais, pero trátase dunha actuación longamente demandada e absolutamente necesaria, que suporá unha notable mellora da seguridade", subliñou a deputada.
A estrada DP 3612 vertebra unha zona densamente habitada e con moita circulación, polo que a intervención da Deputación responde a unha vella demanda da veciñanza e do Concello de Ferrol. Tal como destacou o presidente Valentín González Formoso nunha visita anterior, coa execución desta última fase cúmprese o compromiso de completar unha travesía segura e accesible de case 1,7 quilómetros entre Serantes e A Cabana.
O proxecto inclúe tamén a renovación integral dos servizos afectados, como as redes de abastecemento e saneamento, así como a instalación dunha nova iluminación pública baseada en tecnoloxía LED, máis eficiente e con menor consumo enerxético.