Valentín González Formoso defende no foro “Galicia Sostenible” o papel protagonista de Galicia na transición ecolóxica
"Galicia ten capacidade de liderar a xeración de enerxías renovables en España, pero iso require planificación, coordinación institucional e respecto polo territorio", afirmou, ao tempo que reclamou que os beneficios desa produción revirtan tamén nas comunidades locais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na cidade da Coruña no foro "Galicia Sostenible: Oportunidad hacia el futuro", organizado por eldiario.es, cunha intervención na que destacou o papel estratéxico que Galicia pode e debe asumir no proceso de transición ecolóxica que está a impulsar Europa.
Formoso defendeu que Galicia conta con potencialidades únicas, tanto no ámbito forestal —que concentra máis do 60% da actividade forestal do Estado— como no sector agrogandeiro e na produción enerxética, especialmente eólica, "onde fomos durante moitos exercicios o territorio que máis enerxía aportou ao sistema nacional".
O presidente da Deputación puxo en valor o potencial enerxético de Galicia como motor da transición ecolóxica, subliñando que o país posúe unha das mellores combinacións de vento, radiación solar e recursos hídricos da Europa atlántica. "Galicia ten capacidade de liderar a xeración de enerxías renovables en España, pero iso require planificación, coordinación institucional e respecto polo territorio", afirmou, ao tempo que reclamou que os beneficios desa produción revirtan tamén nas comunidades locais.
Sen embargo, advertiu de que ese protagonismo está a ser "derrochado" pola falta de planificación e pola ausencia de participación social: "Hai administracións que actúan como se o territorio fose un plano en branco, sen ter en conta as persoas que viven nel. A cidadanía debe formar parte do modelo enerxético: hai que implicala, facer pedagoxía e explicar ben cales son os beneficios de apostar por un movemento enerxético sostible".
O presidente provincial apelou a unha maior implicación das administracións públicas "que coñezan ben o reto do país e que saiban cal é o camiño polo que debe discorrer". Lembrou tamén o contexto internacional marcado pola pandemia e a guerra de Ucraína, que puxeron de manifesto "a debilidade dos países sen soberanía enerxética" e a necesidade de avanzar cara a unha Europa menos dependente de terceiros estados.
Formoso tamén fixo autocrítica sobre certas contradicións sociais arredor do uso da enerxía: "Algúns non queren carbón, nin gas, nin hidráulica, nin nuclear, nin eólica, nin fotovoltaica... pero logo queren luz na casa, na piscina municipal ou no polígono industrial. Esa incoherencia hai que reflexionala e abordar con responsabilidade e información. Non todos os territorios poden liderar esta transición, pero Galicia si pode".
Para rematar, agradeceu a eldiario.es a oportunidade de abrir este espazo de reflexión sobre un tema que considera "crucial para o futuro do país" e animou a todos os actores sociais a comprometerse co cambio: "Cando chegue o momento de mirar atrás, que poidamos dicir que estivemos á altura do país e que apostamos por el".