Estás en:Novas

O Museo do Pobo Galego inaugura a exposición do 19º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación

A deputada de cultura, Natividade González, inaugurou a mostra, que recolle as fotografías gañadoras e finalistas desta edición, e que poderá visitarse durante todo o mes de outubro

Ademais, o galardón homenaxea este ano a figura do fotógrafo histórico Tino Martínez, nun acto que terá lugar mañá, 2 de outubro, tamén no Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego inaugura a exposición do 19º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación

O Museo do Pobo Galego acolleu esta tarde a inauguración da exposición das fotografías gañadoras e finalistas do 19º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica da Deputación, onde poderá visitarse durante todo o mes de outubro. A deputada de cultura, Natividade González, participou no acto, onde salientou o compromiso da entidade provincial "coa fotografía como ferramenta de reflexión e transformación social".

Tras unha sesión de mañá na que o gañador da última edición, Juan de la Quintana, impartía unha conferencia sobre a súa obra na Facultade de Historia da USC, a sesión de tarde trasladouse ao museo para dar a coñecer ante o público compostelán series fotográficas como a propia gañadora I gotta change, premiada pola súa aproximación sensible e rigorosa á cuestión da saúde mental, así como L'horta sud de Óscar Corral, mención de honra, que aborda os efectos da DANA cunha linguaxe visual simbólica que supera o enfoque puramente informativo. Ademais das finalistas "que completan esta mostra itinerante con discursos que exploran identidades, territorios e memorias desde perspectivas plurais", tal e como sinalou a deputada: Metamorfosis, de Raquel López Pajares; As leccións esquecidas, de Miguel Muñiz; Sitio aparte do mundo, de Carlos Folgoso, e Entre el tiempo y el sabor, el mar, una memoria visual, de Stephane Lutier.

Natividade González puxo en valor, durante a súa intervención inaugural, a calidade deste certame, "ao longo destas case dúas décadas, o Luís Ksado consolidouse como un referente no panorama fotográfico internacional, recoñecendo propostas que van máis alá da simple captura da realidade para converterse en instrumentos de análise crítica do noso tempo, capaces de interpelar a nosa conciencia colectiva a través da imaxe".

Comeza así a programación paralela do Luís Ksado, que continuará mañá ás 19:00 horas no mesmo espazo cunha homenaxe ao fotógrafo histórico Tino Martínez, nun acto no que intervirán Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; e Carlos Castelao, fotohistoriador. A mesa redonda estará moderada polo fotógrafo Xurxo Lobato. A semana que ven, as actividades paralelas do certame trasládanse á Coruña, onde terán lugar no Centro Ágora as masterclass con Gervasio Sánchez, fotoxornalista e Premio Nacional de Fotografía o 9 de outubro de 16:30 a 20:00 horas e, o día 10, á mesma hora, con Alberto García Alix, fotógrafo e tamén Premio Nacional de Fotografía.

Para participar nestes obradoiros é preciso unha inscrición previa, que pode realizarse de xeito sinxelo en https://dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/