Estás en:Novas

Regueira entrega a O Barqueiro o galardón ao “pobo máis bonito” nos II Premios de Turismo Gente Viajera de Galicia

O vicepresidente participou no acto que tivo lugar onte na Quinta da Auga, organizado por Onda Cero, onde fixo entrega do premio ao alcalde do Barqueiro, Alfredo Dovale, e celebrou o papel do sector turístico "exemplo de competitividade, sustentabilidade e compromiso"

Regueira entrega a O Barqueiro o galardón ao “pobo máis bonito” nos II Premios de Turismo Gente Viajera de Galicia

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, fixo onte pola noite entrega do galardón ao "pobo máis bonito" a O Barqueiro, recollido polo seu alcalde, Alfredo Dovale, nos II Premios de Turismo Gente Viajera de Galicia, organizados por Onda Cero, que tiveron lugar na Quinta da Auga. Regueira aproveitou a súa intervención para poñer en valor o papel do sector na industria turística "exemplo de competitividade, sustentabilidade e compromiso".

O vicepresidente tamén salientou a "boa sintonía" entre administracións públicas e empresas á hora de afrontar os diferentes desafíos turísticos e, neste sentido, destacou que "dende as administracións acompañamos a un sector que aborda importantes retos, e que o fai do mellor xeito, como vemos hoxe aquí cos múltiples exemplos de proxectos que despuntan".

"Cada empresa que aposta pola sustentabilidade – implantando enerxías renovables, potenciando o consumo de proximidade, fomentando o benestar local ou reducindo residuos, entre outros exemplos – está apostando polo turismo e polo futuro do país", sinalou. "Por iso, son cada vez máis persoas as que elixen Galicia como destino turístico, porque temos algo máis que beleza, gastronomía e xente acolledora; ofrecemos unha experiencia real, cun territorio que lle da sentido ao turismo".

O xurado de Onda Cero decidiu outorgarlle a O Barqueiro este recoñecemento "por manter a capacidade de sorpresa do visitante tanto no que fai á súa arquitectura como ao respecto pola paisaxe no que se encadra. O núcleo de poboación, definido por unha escala correcta, conserva o seu centro, carece de grandes infraestruturas e está ben integrado". Outro dos proxectos premiados foi a compostelá familia Liñares, propietaria do hotel Costa Vella, por "adicar a súa vida á hospitalidade. Primeiro hai xa 50 anos, co Hostal Moure, un clásico do aloxamento estudantil dos anos 70 na cidade. Os seus fillos, Ana e Jose Antonio abriron hai 26 anos o Hotel Costa Vella, na rúa dá Porta dá Pena, onde xogaban de nenos. Hoxe a súa terraza é unha desas marabillas que gozan os composteláns e os turistas chegados de todos os recunchos do mundo".