A Deputación homenaxea ao fotógrafo histórico Tino Martínez nun acto que forma parte da programación do premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica
O Museo do Pobo Galego acolleu esta tarde o acto oficial de declaración de fotógrafo histórico, no que participou a deputada de cultura, Natividade González; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o fotohistoriador Carlos Castelao; o comisario do premio Luís Ksado, Xurxo Lobato e o propio Tino Martínez
"O traballo de Tino Martínez é pegada dunha Galiza de tradicións e silencios, de devocións populares e espazos de pedra mollada. Por iso, é unha honra concederlle este recoñecemento a un artista que non só retratou o noso país: deulle corpo e alma con coherencia e compromiso" sinalou a deputada

A Deputación da Coruña homenaxeou esta tarde, no Museo do Pobo Galego, a Tino Martínez, declarándoo fotógrafo histórico. Trátase dunha das actividades paralelas do 10º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica que convoca anualmente a entidade provincial. No acto participaron a deputada de cultura, Natividade González; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o fotohistoriador Carlos Castelao; o comisario do premio Luís Ksado, Xurxo Lobato e o propio Tino Martínez.
Sobre a súa figura, a deputada sinalou que é "esencial para memoria visual de Galiza". Apuntou que "cunha mirada rigorosa e honesta, Tino elevou a fotografía a ferramenta de testemuño, emoción e dignidade, construíndo co seu traballo un arquivo vivo da nosa identidade colectiva que é xanela á esencia do país". González afirmou tamén que "desde os seus comezos autodidactas, forxados no sacrificio e na disciplina, ata o recoñecemento internacional polas súas series documentais das romarías relixiosas galegas, dos nocturnos composteláns ou dos retratos de camiñantes, Martínez reivindicou a imaxe como linguaxe propia. O seu traballo é pegada dunha Galiza de tradicións e silencios, de devocións populares e espazos de pedra mollada". Por iso, "é unha honra concederlle este recoñecemento a un artista que non só retratou o noso país: deulle corpo e alma con coherencia e compromiso".
A alcaldesa de Santiago coincidiu en que o homenaxeado "mirou as procesións, as festas, as ausencias, os silencios. E fíxoo desde dentro. Porque non foi nunca un intruso, nin un visitante exótico. Foi sempre un dos nosos. Con cámara e con alma. E iso nótase. As súas fotos non xeran distancia. Non as miramos desde fóra, como quen observa unha postal allea.. As súas fotos interpélannos. Fannos lembrar. Porque o que Tino fixo —e segue facendo— é crear memoria. Non só documentar. Deixar pegada. Poñerlle imaxe a iso que ás veces nin sabemos como contar".
Con esta homenaxe, a área de cultura da Deputación continúa coas actividades paralelas do seu 19º premio internacional Luís Ksado de creación fotográfica, que comezaron onte na facultade de historia cunha charla do gañador da última edición do certame, Juan de la Quintana, e coa inauguración no mesmo Museo do Pobo Galego da exposición das fotografías finalistas e gañadoras, que pode visitarse durante todo o mes de outubro.
Obradoiros con Gervasio Sánchez e Alberto García Alix
A semana que ven, as actividades paralelas do certame trasládanse á Coruña, onde terán lugar no Centro Ágora as masterclass con Gervasio Sánchez, fotoxornalista e Premio Nacional de Fotografía o 9 de outubro de 16:30 a 20:00 horas e, o día 10, á mesma hora, con Alberto García Alix, fotógrafo e tamén Premio Nacional de Fotografía. Para participar nestes obradoiros é preciso unha inscrición previa, que pode realizarse ata o 6 de outubro en https://dacoruna.gal/cultura/premios/ksado/