Estás en:Novas

A deputada provincial Avia Veira participa na inauguración do XX Congreso Pedalma sobre lactancia materna

O congreso, inaugurado hoxe e organizado pola asociación ALMA, ten lugar no Teatro Colón os días 3 e 4 de outubro co apoio da Deputación baixo o nome "Lactancia materna, do singular ao global"

"A lactancia é social como social é a crianza. Debemos volver ao colectivo, e facelo ben: cunha lexislación e uns dereitos que nos permitan como mínimo as lactancias que recomenda a OMS, cunha colectividade que non xulgue as nosas escollas, con servizos públicos que realmente nos acompañen, con apoios colectivos que reconfortan e camiñan connosco como os que ofrece ALMA" sinalou a deputada

A deputada provincial Avia Veira participa na inauguración do XX Congreso Pedalma sobre lactancia materna

A deputada provincial Avia Veira participou esta mañá na inauguración do XX Congreso Pedalma, organizado pola asociación ALMA, que ten lugar no Teatro Colón os días 3 e 4 de outubro baixo o nome "Lactancia materna, do singular ao global", co apoio da Deputación da Coruña. Veira salientou o "papel social" da lactancia, "que parecer un acto íntimo mais non o é: a lactancia é social como social é a crianza" xa que "as nais vivimos atravesadas polas nosas condicións sociais: polas maternidades e lactancias que herdamos, pola nosa procedencia, polas nosas situacións económicas, polos barrios ou cidades nas que vivimos, polos servizos públicos aos que temos acceso...".

"Polo tanto", engadiu, "debemos volver ao colectivo. E facelo ben: cunha lexislación e uns dereitos que nos permitan como mínimo as lactancias que recomenda a OMS, cunha colectividade que non xulgue as nosas escollas, con servizos públicos que realmente nos acompañen, con apoios colectivos que reconfortan e camiñan connosco como os que ofrece ALMA".

Así, a deputada agradeceu o traballo da asociación "por todo o que facedes, por organizar este encontro que crea rede, achega coñecemento e fai visibles as voces das nais, das profesionais, das comunidades... Que serve para compartir experiencias sobre a lactancia, colectivizala, combater prexuízos e reforzar, para reforzar a nosa confianza en que é un ben común". Veira puxo en valor tamén a celebración deste congreso que "será ese lugar onde necesariamente se atopen a ciencia, a saúde individual e pública, coas emocións, afectos e dereitos".

O congreso reúne estes dous días na cidade herculina a profesionais sanitarios, investigadoras, asociacións e familias cun obxectivo común: falar de lactación, é dicir, falar de saúde para nais e bebés. Haberá relatorios, talleres e espazos de diálogo. A organización desta edición corre a cargo de Alma Lactación, a asociación coruñesa que desde 2009 presta apoio á lactación de maneira voluntaria. O foco estará nas lactacións menos visibles: nais e bebés con necesidades especiais que tamén merecen un acompañamento adecuado.

Este encontro quere ofrecer unha mirada anticapacitista, antirracista, ecoloxista e integradora, xerando ferramentas e espazos onde todas as lactacións teñan cabida. Entre os asuntos que se abordarán destacan: Lactación na diversidade cultural, Saúde mental e lactación, Perspectiva sanitaria da lactación e Maternidade e diverxencia.