A Deputación condena o xenocidio israelí en Gaza e reclama un alto o fogo inmediato
O pleno da corporación provincial aprobou na sesión de hoxe unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG na que se busca chegar a unha solución xusta e duradeira que garanta a paz, a soberanía e a dignidade de Palestina.
O texto da iniciativa, que saíu adiante cos votos de socialistas, nacionalistas, e Alternativa dos Veciños e a abstención do PP tamén exixe que Hamás non teña ningún papel que desempeñar na gobernanza de Palestina.

A Deputación da Coruña condenou, no pleno celebrado hoxe, o "xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer en Gaza contra o pobo palestino", así como a ocupación da franxa de Gaza. O pleno da corporación provincial aprobou unha moción conxunta presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG, que tamén contou co apoio do deputado de Alternativa dos Veciños. O PP, pola súa banda, abstívose na votación.
No texto aprobado, a corporación provincial expresa a súa solidariedade co pobo palestino, a quen define como "vítima dunha ofensiva de Israel que vulnera de forma sistemática os dereitos máis fundamentais". Así mesmo, manifesta o seu apoio ás manifestacións e expresións cívicas en favor do pobo palestino.
A iniciativa tamén recolle que, dende a súa aprobación, a Deputación da Coruña non participará de maneira activa en ningún evento de carácter deportivo, cultural ou doutra índole na que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou sexas financiados por el, así como aquelas que contribúan a promover ou branquear o xenocidio. Ademais, reforzarase o apoio provincial a proxectos de cooperación galega con Palestina.
Tamén se reclama na proposta de socialistas e nacionalistas un "cesamento inmediato das hostilidades, a entrada urxente de axuda humanitaria e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas", especialmente o recoñecemento do dereito do pobo palestino a dispor dun Estado libre e soberano. Iso si, remarcan que neste estado, Hamás non teña ningún papel que desempeñar na gobernanza de Palestina e que entregue inmediatamente todas as armas no seu poder á Autoridade Palestina.
En definitiva, o acordo aprobado pola Deputación da Coruña constitúe un posicionamento político firme fronte á crise humanitaria en Gaza, sumándose ás voces que reclaman o respecto ao dereito internacional e aos dereitos humanos. Ao mesmo tempo, manifesta o seu compromiso co pobo palestino e co fortalecemento da cooperación galega, a corporación provincial lanza unha mensaxe clara de rexeitamento á violencia, á ocupación e a calquera vulneración das liberdades fundamentais, apostando por unha solución xusta e duradeira que garanta a paz, a soberanía e a dignidade de Palestina.
Outras mocións e declaración institucional
O pleno aprobou tamén (14 votos a favor, 11 en contra e 6 abstencións) a moción do Grupo Popular para esixir responsabilidades sobre os fallos do sistema Cometa para vítimas de violencia de xénero e a moción do Grupo Socialista relativa aos discursos de odio e violencia política, na que se condenan os ataques recentes a sedes do Partido Socialista, así como a ONGs, sindicatos, plataformas cidadás ou medios de comunicación, entre outras.
Aprobouse tamén unha declaración institucional solicitando ás diferentes administracións reforzar medidas contra os incendios.