A Deputación da Coruña estará presente a vindeira semana en San Sebastián Gastronomika
A entidade provincial contará con stand propio coa campaña 'A paisaxe que sabe' durante os días 6, 7 e 8 de outubro e a presenza de Bonilla a la Vista, A Conserveira e Queixo Galmesán
Ademais, o martes 7 de outubro, presentarase o libro homenaxe a unha figura clave da gastronomía galega: '150 anos de Picadillo' co autor, Martín Pais, e os distinguidos cociñeiros Luis Veira, Estrela Michelín, e Beatriz Sotelo, mestra no Centro Integrado de Formación Profesional 'Paseo das Pontes'
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que tamén estará presente en Donosti, destaca a "gran achega que pode achegar a provincia da Coruña a un evento de referencia como é San Sebastián Gastronomika"

A Deputación da Coruña estará presente a vindeira semana en San Sebastián Gastronomika, que se celebra durante os días 6, 7 e 8 de outubro no Pazo de Congresos e o Auditorio Kursaal Zurriola Hiribidea. Este evento, de talla internacional, contará coa presenza de figuras tan relevantes da gastronomía mundial como Heston Blumenthal, Aitor Zabala, Niklas Eksdet, Thalía Barros ou Mitsuharu Tsumura.
Cun stand propio durante os tres días e a través da campaña 'A paisaxe que sabe', a entidade provincial elevará todas as súas potencialidades en Gipúscoa, grazas á presenza de Bonilla a la Vista, A Conserveira e Queixo Galmesán, expoñentes da produción local da Coruña e tres dos exemplos do sabor do que presume a nosa provincia.
Ademais, o martes 7 de outubro, presentarase o libro homenaxe a unha figura clave da gastronomía galega. '150 anos de Picadillo', que conta co apoio da Deputación da Coruña, é un compendio de receitas de Manuel María Puga y Parga recompiladas para a ocasión, realizadas e reinterpretadas por vinte profesionais da cociña de toda Galicia.
Farán unha demostración dun dos pratos que recolle a obra Luis Veira, do Árbore da Veira, restaurante Estrela Michelín, xunto con Beatriz Sotelo, mestra no Centro Integrado de Formación Profesional 'Paseo das Pontes'. Acompañando este prato estará o caíño de José Crusat Komokabras Vermello.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que tamén estará presente en Donosti, destaca a "gran achega a nivel gastronómico que pode achegar a provincia da Coruña nun evento de referencia como é San Sebastián Gastronomika, un dos mellores escaparates a nivel nacional para amosarlle ao mundo o potencial dunha provincia que sabe."