Estás en:Novas

A Deputación participa na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense)

A entidade provincial ofrece showcookings a cargo d'A Artesa da Moza Crecha de Betanzos; un mercado no que participan diferentes produtores locais, e a actuación de De Ninghures

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na inauguración oficial, onde destacou a importancia da pataca "como símbolo identitario do país"

A Festa da Pataca ten lugar os días 4 e 5 de outubro na localidade ourensá de Vilar de Barrio

A Deputación participa na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense)

A Deputación da Coruña participa esta fin de semana na Festa da Pataca de Vilar de Barrio (Ourense), cun espazo propio no que ofrece demostracións de cociña en directo, mercado de produtores locais, e a actuación de De Ninghures no Pataca Rock. O vicepresidente, Xosé Regueira, acudiu esta mañá á inauguración, onde salientou a importancia da pataca como "símbolo identitario do país". Segundo afirmou, "este produto non só representa unha das bases históricas da nosa economía rural, senón que tamén forma parte do imaxinario colectivo e da tradición culinaria que une xeracións".

"Para nós é un orgullo traer ata Ourense os saberes e sabores da nosa provincia" apuntou Regueira. "Agardo que a nosa gastronomía, artesanía e materia prima conquisten ao público de Vilar de Barrio". O vicepresidente referiuse tamén ao concerto do sábado de Ninghures: "tamén trouxemos algo representativo da música".

Showcookings
No Espazo Deputación impártense showcookings da man de Paula Martínez e Lolo Mosteiro, do restaurante "A Artesa da Moza Crecha" de Betanzos, que elaboran pratos a base de patacas de Carballo o sábado ás 13h, 15h e 17h e o domingo ás 13h e ás 15h.

Mercado da Deputación
Ademais, haberá un mercado no que participan diferentes produtores e produtoras locais. É o caso da forxa en vivo de Jorge Eiroa; A Castrexa coas súas delicias ecolóxicas; as conservas vexetais de As Camposeiras; a agricultura sostible de A Despensa d'Lujo e as patacas fritidas máis famosas do mundo de Bonilla a la Vista.