A obra “Intervalo 2024”, da compostelá Ana Gesto, gañadora do XIX Certame de arte “Isaac Díaz Pardo” da Deputación
O xurado destaca a "pausa sonora convertida en obxecto, como unha imaxe sonora e poética" da obra da compostelá
A institución provincial dedicará máis de 24.000 euros á compra doutras obras presentadas ao concurso

A artista visual Ana Gesto (Santiago de Compostela, 1978) é a gañadora do XIX Certame de arte "Isaac Díaz Pardo" da Deputación da Coruña coa súa obra "Intervalo 2024".
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e integrado por Elena Bangueses Buceta, Xose Manuel Buxán Bran, Anxela Caramés Sales, Maria Dolores Dopico Aneiros e Manuel Ignacio Martinez Antelo, escolleu a obra de Gesto baseándose en que "resume as características esenciais na traxectoria da artista Ana Gesto. Por unha banda, o cotiá feminino, o espazo doméstico e o etnográfico, a través de obxectos cunha forte carga simbólica. O seu traballo remite a un universo moi persoal no que o corpo da artista a través da performance, nos interpela desde un posicionamento feminista sempre presente na súa práctica artística. Por outra banda, as referencias ao universo sonoro no traballo, nesta peza coas cordas e as caravillas da guitarra que aparecen en tensión sen chegar a producir sons".
Engaden ademais que se trata "dunha pausa sonora convertida en obxecto, como unha imaxe sonora e poética: un acorde imposible, detido no limiar do audíbel, como unha memoria que flota entre o visíbel e o que aínda está por acontecer".
Ademais, de acordo coa convocatoria, a Deputación destina 24.125 euros a mercar outras das obras presentadas ao concurso, que son as seguintes:
- "La memoria en el corazón", de Carmen Suárez.
- "Czerny, Schule der Geläufigkeit op.299,erstes Heft", de Ana Pérez.
- "Diario, octubre del 84", de Joan Morera.
- "Pintura Peso 3923", de Carlos Fernández.
- "ConJugar", de Andrea Costas.
- "América del norte política", de Jesús Victoriano Fandiño.
Ademais, as seguintes obras serán incluídas na exposición itinerante do certame:
- Pablo Rodríguez Barreiro: "S/T, da serie Binomios"
- Paula Teresa Iglesias Rois: "Ausencias"
- Sergio Díaz Marey :"Viva Luceiro da Alba"
- Verónica Moar Suárez: "O que fulgura"
- Carmen Suárez Marcos: "La memoria en el corazón"
- Ana Isabel Gesto Beiroa: "Intervalo 2024"
- Diego Vites García: "Poñerlle cancelas ao campo"
- Jesús Madriñán Fernández: "Sen título (Bamba en Lanzarote)"
- Verónica Vicente Álvarez: "Formas de la apariencia"
- Ana Pérez Ventura: "Czerny, Schule der Geläufigkeit op.299, erstes Heft"
- Juncal Alma Castro Vázquez: "Piedras a su ventana"
- Rebeca López Villar: "Vencello"
- Joan Morera Arbones: "Diario, octubre del 84"
- Carlos Miguel Maciá Fernández: "Sin título no.4 (serie AL)"
- Carlos Fernandez López: "Pintura Peso 3923"
- Andrea Costas Lago: "ConJugar"
- Breogán Torres Gutiérrez: "Fun abalar a pedra que está no medio do mar"
- Jesus Victoriano Fandiño Gracia: "América del norte política"
- Román Corbato Pérez: "Umbral, vacío, vestigio"
Para Natividade González, a importancia deste tipo de certames reside en "ofrecer a posibilidade de que a poboación se achegue ao mundo da arte". Lembra que "a Deputación sempre estará para apoiar á comunidade de artistas locais, con concursos que axudan a darlle visibilidade ao seu traballo, oculto en ocasións para o gran público".